ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA insta a Fiscalía a investigar a ADIF por...

05-08-2020

ADEGA insta a Fiscalía a investigar a ADIF por presunto delito ambiental por tirar dous vagóns de tren ao río Sil

ADEGA vén de instar ao Ministerio Fiscal a que abra a oportuna investigación contra a entidade pública empresarial ADIF por presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente. ADEGA solicita á Fiscalía de Medio Ambiente que determine se existe delito ambiental nos feitos transcorridos o pasado día 2 de agosto, cando aparentemente operarios da administradora de infraestruturas ferroviarias empurraron ladeira abaixo e sobre a bacía do río Sil dous dos vagóns do tren de mercadorías que descarrilou o pasado 28 de xullo na liña Monforte-Ponferrada, á altura de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras). Tal actuación foi difundida nas redes sociais a través de varios vídeos que se fixeron virais polo carácter impactante e desconcertante das imaxes, propias doutros tempos nos que os ríos eran considerados vertedoiros. Nesas imaxes vese como un dos vagóns descarrilados semella ser empurrado ladeira abaixo por unha máquina escavadora acabando este deitado literalmente sobre o leito do Sil, mentres que outro vagón aparece xa emborcado e suspendido na ladeira.

Desde ADEGA destacamos que os feitos denunciados contraveñen todo marco normativo vixente en materia ambiental, de residuos, ou de planificación hidrolóxica e de protección de augas, pois o depósito de refugallos sobre os leitos fluviais, a contaminación dos ríos ou actuacións que impliquen a súa degradación están totalmente prohibidas. Alén diso, calquera actuación en dominio público hidráulico debe contar con autorización previa do organismo de bacía e doutros organismos con competencias no espazo, especialmente, tratándose de actuacións de elevado risco para a seguridade das persoas e do medio ambiente ou con impactos potencialmente graves sobre os ecosistemas acuáticos e fluviais. Porén, semella que a empresa pública se saltou todo marco regulador e procedemento administrativo legal para proceder “polas bravas”, de xeito improvisado e sen medir as consecuencias sobre a contorna.

Alén poderíamos estar ante unha infracción moi grave contra o dominio público hidráulico feita á mantenta ou sabendo que esta podería causar graves prexuízos sobre o curso fluvial e a súa ribeira, o cal podería ser constitutivo de delito. Segundo declaracións de representantes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil aos medios de comunicación, o organismo de bacía xa tería advertido previamente ao persoal de ADIF que non permitiría o deitado dos vagóns descarrilados sobre o río Sil, o cal non impediu que a entidade ferroviaria proseguise cos seus plans e acabase tirando os vagóns ladeira abaixo.

Potenciais impactos sobre o medio ambiente e a seguridade das persoas

O depósito e emborcado do vagón sobre o leito do río Sil podería ter producido impactos ambientais importantes e de diversa índole. A infraestrutura de grande tonelaxe vertida ao río está composta por metais de diverso tipo e, incluso podería conter materiais ou substancias que son moi perigosas para o ecosistema acuático, como é o amianto. Ademais de converterse nun elemento que altera a morfoloxía do leito e a dinámica natural do río, podería constituír un elevado risco para a seguridade das persoas e das infraestruturas que se atopen río abaixo.  O propio impacto da máquina contra a ladeira e o fondo do río non só terían enlodado as augas, senón que podería ter esnaquizado parte do comboio en grandes e pequenas pezas que acabarán no fondo do río ou que, coa forza da auga, poderán discorrer río abaixo, arrastrando os sedimentos e con consecuencias impredicíbeis.

Ademais, aínda que o vagón non levase carga, tal e como afirma ADIF, os aceites, hidrocarburos e líquidos lubricantes empregados nas engrenaxes e rodamentos da máquina poden contaminar as augas fluviais, afectando  á fauna e flora da contorna e, mesmo, poñendo en risco a saúde pública.

Así mesmo, a vexetación de ribeira xa se aprecia visiblemente afectada polo deitado abrupto da máquina ladeira abaixo; mais tamén, esta armazón de ferralla0.2 podería ter xerado un grave impacto sobre a fauna de ribeira que se adoita acubillar nas beiras dos ríos.

Fiscalía, o Ministerio de Transportes e CHMS deben investigar o sucedido

Desde ADEGA consideramos intolerable que este tipo de feitos se teñan que presenciar á altura do século XXI, causándonos se cabe maior estupor, que sexa unha entidade pública a autora de tal despropósito, cuxo comportamento ambiental debera ser exemplificante para o resto da sociedade. Por iso, ademais de instar a actuar ao Ministerio Fiscal, tamén nos diriximos  ás propia Adif para que responda polo acontecido e se dispoña a retirar o antes posible o vagón do río Sil, coas pertinentes autorizacións e devolvendo o espazo afectado ao seu estado primitivo, evitando novos impactos nos labores de reparación.

ADEGA tamén solicita ao Ministerio de Transportes, do que depende o ente administrador de infraestruturas ferroviarias, que dirima responsabilidades e actúe en consecuencia; e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que abra o oportuno expediente sancionador e inste a actuar á Fiscalía.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal