ADEGA Cadernos

Artigos de Enerxía e cambio climático. ADEGA Cadernos, artigos de investigación e revisión científico-técnica do eido ambiental e a ecoloxía

A loita contra o cambio climático en Galiza

Xosé Veiras García

Caderno nº 16 - O cambio climático e Galiza

Páx.25 - 32

Galiza é parte do problema do cambio climático. O noso país contribúe de forma importante, en termos relativos, ao cambio climático inducido xa que as nosas emisións por habitante de gases de efecto invernadoiro (GEI) foron de 14,6 toneladas en 2004, estando entre as máis altas do Estado español e de Europa. A nosa terra tamén debe facer parte da solución, dos esforzos mundiais para atenuar e ralentizar o cambio climático. As accións precisas para previrmos un cambio climático catastrófico son igualmente necesarias por razóns de mellor a ambiental, xustiza social, eficiencia económica ou defensa da saúde pública. Galiza precisa dunha ambiciosa Estratexia fronte ao Cambio Climático que contribúa á aplicación do Protocolo de Quioto no conxunto do Estado español nos eu primeiro horizonte de aplicación, o 2008-2012. A actual Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático foi aprobada en marzo do ano 2005 polo Consello da Xunta sen diálogo e sen participación social, e non fixa nin obxectivos cuantitativos de diminución das emisións por sectores nin prazos.

O novo mercado europeo de dereitos de emisión e os seus efectos en Galiza

Miguel Rodríguez Méndez

Caderno nº 16 - O cambio climático e Galiza

Páx.33 - 40

O novo mercado europeo de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI) representa na actualidade o principal instrumento da política comunitaria contra o cambio climático.A súa creación é o resultado da ratificación do protocolo de Quioto pola Comisión Europea e os estados membros. O devandito protocolo establece o compromiso dos países industrializados para reducir as súas emisións de GEI no período 2008-2012 nun 5% a respecto das emisións realizadas en 1990, aínda que a distribución de esforzos non é uniforme. Así, por exemplo, establécese un esforzo de redución das emisións europeas do -8%, mentres que USA debería facelo nun -7% e Australia podería incrementar as súas emisións nun +8% durante o mesmo período.Os mercados de dereitos sobre bens públicos, xa sexan estes para a emisión de GEI ou ben cotas individuais de pesca, representan unha alternativa aos impostos ambientais, aínda que ambos instrumentos están baseados nos mesmos fundamentos económicos de mercado. As políticas “tradicionais” baseadas nun enfoque “mandato e control”, porén, non nos poden garantir que os obxectivos da política ambiental sexan acadados co mínimo custo para a sociedade. Existe pois un problema intrínseco das políticas“mandato e control” é que xeralmente non introducen incentivos para que empresas e fogares reduzan as súas emisións máis alá do límite establecido polo regulador.

A xestión dos residuos biodegradábeis e o cambio climático

Marta Domínguez

Caderno nº 16 - O cambio climático e Galiza

Páx.41 - 52

A concentración dos gases de efecto invernadoiro estase a incrementar na atmosfera debido á actividade humana, podendo dar lugar nas vindeiras décadas ao quecemento significativo da superficie terrestre e a outros cambios no clima. Os gases de efecto invernadoiro que están a causar maior quecemento global son o dióxido de carbono (CO2), o metano (CH4) e o dióxido de nitróxeno (NO2). Estes tres gases prodúcense, ademais de por outras causas, nas actividades de tratamento e eliminación dos residuos, actividades que tamén dan lugar a unha ampla variedade de impactos ambientais. Os efectos sobre o ambiente que poden producir as diferentes opcións de tratamento de residuos. O impacto do tratamento dos residuos en relación coa emisión de gases de efecto invernadoiro provén principalmente do CH4 liberado polos residuos biodegradábeis baixo condicións de anaerobiose nos vertedoiros. Estímase que os vertedoiros liberan máis do 30% das emisións antropoxénicas de CH4 en Europa. Pola contra, tan só un 1% das emisións de N2O e menos do 0.5% das emisións de CO2 están asociados á eliminación de residuos en vertedoiro. Por outra banda, ha de terse en conta que o efecto potencial de 1 t de metano equivale ao de 21 t de CO2.

A loita pola representación social do cambio climático: Unha reflexión para educadores

Pablo Ángel Meira Cartea

Caderno nº 16 - O cambio climático e Galiza

Páx.53 - 62

Ulrich Beck, o sociólogo alemán que mediados os anos oitenta do pasado século formula a súa teoría da “sociedade do risco”, realiza unha afirmación que non nos pode deixar indiferentes: “A crise ecolóxica está sendo cuestionada. Algún día –continua- alguén quererá facer carreira co argumento de que dita crise só existiu na cabeza da xente”. O certo é que a crise ambiental, incluso o“ambiente” como cuestión problematizada nas sociedades contemporáneas, só existen porque teñen sido construídas colectivamente a partir dunha serie de procesos de representación social nos que o desenvolvemento da ciencia –principalmente da Ecoloxía-, o uso dos medios de comunicación de masas como mediadores e a capacidade de influencia dunha serie de movementos sociais xogaron un papel central. A conciencia, aínda difusa e fragmentaria, que existe do ambiente e da crise ambiental é o resultado da ancoraxe desas influencias na conciencia colectiva. Máis aló da súa obxectivación científica, a crise ambiental é tamén e sobre todo, unha representación social que forma parte da cultura común do noso tempo, sobre todo nas sociedades avanzadas. Na medida en que a crise ambiental se foi consolidando como parte da cultura contemporánea, tamén se puxeron en marcha poderosas forzas que teñen como obxectivo a súa desmontaxe.

ADEGA Cadernos
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal