ADEGA Cadernos

Artigos de Contaminación. ADEGA Cadernos, artigos de investigación e revisión científico-técnica do eido ambiental, a ecoloxía e o desenvolvemento sustentábel

Xeración de lodos e alternativas de xestión

Xosé Antonio González Ferreira

Caderno nº 18 - Lodos de depuración

Páx.19 – 38

Xosé Antonio González Ferreira é enxeñeiro agrónomo e enxeñeiro técnico industrial, neste artigo explícanos o proceso polo que pasa o lodo dende a súa formación pasando polas diferentes formas de tratalo ata os seus posibles usos finais. Lendo o artigo saberemos cal é a orixe dos lodos e se o modelo de saneamento das augas residuais é economicamente sustentábel. Tamén descubriremos as fases ás que se someten as augas residuais durante o proceso de tratamento dos lodos e para que usos poden ser aproveitables despois do seu tratamento e control. Para ilustrar todo isto o autor expón como exemplo algunhas plantas de xestión de lodos que se dan en diferentes comarcas españolas.Para rematar, aposta pola compostaxe de lodos como unha alternativa necesaria e expón unha serie de criterios a ter en conta para a futura xestión de lodos en Galiza.

Aspectos tecnolóxicos da compostaxe de lamas de depuradora

Carlos Pérez Losada

Caderno nº 18 - Lodos de depuración

Páx.39 – 50

O secado térmico e a compostaxe son a día de hoxe as dúas tecnoloxías que están competindo como alternativas para o tratamento das lamas de depuración procedentes, tanto de augas de orixe urbano, como de orixe industrial. O secado térmico presenta custes de instalación e operación prohibitivos, agás que as plantas desecado sexan concibidas como plantas de coxeración de enerxía eléctrica.Poren, esta alternativa está sendo moi cuestionada, pois na práctica encobren o uso de combustíbeis fósiles cun baixo rendemento enerxético neto, por máis que economicamente teñan sido moi favorecidas polo marco normativo que ten subvencionado as denominadas prácticas de coxeración. Contrariamente, a compostaxe das lamas presenta un custe reducido, aínda que variábel en función do tipo de tecnoloxía elixida. Outra vantaxe comparativa da compostaxe fronte ao secado é que a primeira estabiliza o produto, desde o punto de vista do seu consumo de osíxeno(biodegradabilidade, fermentación e putrefacción), mentres que o secado en absoluto o estabiliza. De feito o único que fai o secado térmico e reducirlle masa (pola perda de humidade) e, por dicilo dun xeito popular, “poñelo en conserva”. En efecto, a súa materia orgánica final é exactamente a mesma que a inicial, pero desprovista dunha humidade que a fai corrompíbel. Unha vez que se lle torne a dotar de humidade o produto evoluciona exactamente igual que o faría antes de ter sido secado.

Valorización agronómica de lodos

Mercedes Fra

Caderno nº 18 - Lodos de depuración

Páx.51 – 54

A Directiva 91/271 da UE sobre saneamento e depuración de augas residuais obriga ás aglomeracións urbanas a recoller as súas augas en estacións depuradoras, a tratar adecuadamente os seus residuos. Isto produce unha gran cantidade de lodos de depuración que precisan ser xestionados da forma máis respectuosa co medio ambiente.O Plano Nacional de Lodos de Depuradoras de Augas Residuais (2001 – 2006) recomenda 3 formas de xestionalas: A valorización agronómica, a incineración e o depósito en vertedoiro.Neste artigo Mercedes Fra fálanos sobre as vantaxes ambientais e de produtividade da utilización dos lodos para a valorización agronómica fronte as outras dúas alternativas. Pon como exemplo de xestión dos lodos á empresa AGROAMB da que é membro e que destina boa parte dos seus recursos á I+D para seguir mellorando.

ADEGA Cadernos
Travesa de Basquiños, nº 9 baixo. 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal