ADEGA Cadernos

Inicio / Números anteriores / Caderno nº 19 - Incendios...

Agosto 2007

Caderno nº 19 - Incendios forestais. Causas e solucións

Artigos do Caderno nº 19

Os lumes forestais

Xosé Alfredo Pereira Martínez

Páx. 39 – 44

Se todos os sectores relacionados co monte, e tamén co monte veciñal en mancomún, concordamos que en máis de un 85% os lumes forestais son intencionados, temos que concluír que hai intereses, causas e condicionantes que provocan ou poden provocar os lumes forestais. Mais non debemos de perder nunca o feito de que os montes arden, principalmente, porque hai miserábeis e insensatos que lles prenden lume. É preciso pois, analizar a problemática dos lumes forestais dentro do sistema que, xa que logo, está condicionado por factores económicos, estruturais, sociais,políticos e mesmo psicolóxicos. Para situar a problemática dos lumes forestais, na perspectiva de combatelos, cómpre analizar as modificacións radicais que sufriu o monte veciñal en man común ao longo do século XXI

As perdas económicas causadas polos lumes

Francisco Fernández de Ana Magán

Páx. 45 – 48

A maior parte da superficie galega é monte de titularidade privada e de particulares. Dependendo do uso que fan do seu terreo, os propietarios pódense dividir en silvicultores ou absentistas. Os silvicultores, son os que traballan o monte e o fan produtivo, mentres que os absentistas moitas veces non saben nin onde están as súas propiedades herdadas.Sexa de quen sexa o monte do que estamos a falar, en Galiza produce bens tanxíbeis (madeira, carne, mel...) e intanxíbeis (produción de osíxeno, auga de calidade...) que ademais de crear postos de traballo benefician a nosa saúda. O bo estado do monte depende en gran medida da labor dos silvicultores, pero que ás veces son acusados de no facelo axeitadamente e deixar que arda.Detrás do incendios hai intereses, pero ningún deses intereses beneficia ao silvicultor nin a calquera outro colectivo que viva dos recursos do monte.Neste artigo o autor analiza a propiedade do monte en Galiza, cales son os beneficios que nos proporciona o monte, que é o que se perde cando arde e a quen afectan os incendios.

Emprego de sistemas silvopastorais en Galiza

Rosa Mosquera Losada e Antonio Rigueiro Rodríguez

Páx. 49 – 52

Os sistemas agroforestais, e dentro deles os silvopastorais, son formas sostíbeis de uso do territorio tal e como se sinala na Axenda 21 no ano 1992. Os sistemas silvopastorais integran na mesma unidade de manexo arborado e pasto para alimentar aos animais. O uso de sistemas silvopastorais na nosa comunidade autónoma era estendido hai algúns anos. Hoxe en día, o manexo de terreo agrícola e forestal faise, na maior parte do noso territorio, de forma separada. Este manexo ten vantaxes pero presenta problemas de tipo medio ambientais debido ás elevadas cargas gandeiras, que fomentan a contaminación difusa dos nosos ríos. Pola contra, a produción da superficie forestal é mais acorde co medio ambiente, pero presenta problemáticas derivadas da produción de rendas a longo prazo que orixina o éxodo rural, sen esquecer, no caso de Galiza e do Norte de Portugal o importante risco de incendios nestas áreas. A comparación, dende un punto de vista económico dos tipos de manexo agrícola, forestal e agroforestal, confírelles certa vantaxe a estes últimos. Así as inversións realizadas para o establecemento de explotacións gandeiras compénsanse rapidamente, en comparación coas exclusivamente forestais nas que non se obtén renda ate que se efectúa a primeira clara ou xa na corta final. En moitos casos, se exceptuamos os eucaliptos, isto sucede despois de 25-30 anos despois do establecemento. Os sistemas agroforestais, permiten, ao igual que os agrícolas, obter renda dende o seu establecemento, ao mesmo tempo que se incrementa o valor da terra a longo prazo derivado do crecemento do arborado que provoca un incremento da rendibilidade do monte próxima ao 25%. A produción de pasto non se ve seriamente minguada se a cobertura arborada está por debaixo do 55%. Os sistemas agroforestais reducen os gastos de mantemento, en comparación cos sistemas forestais, xa que non son precisos os desbroces, e ao mesmo tempo é unha forma de reducir o risco de incendios.

Rexeneración natural e rexeneración forzada da vexetación

Mercedes Casal

Páx. 53 – 58

Nunha área incendiada podemos analizar a situación seguindo a Sousa (1984), e atoparemos que o efecto do lume sobre a vexetación ten relación coa extensión e a severidade do incendio, a frecuencia do lume, a época na que acontece e o tipo de ecosistema ao que afecta (mato, bosque, monte arborado, etc.). O escenario que atopamos tras dun incendio forestal é o dun ecosistema forestal moi cambiado polo lume: moitos elementos nutrientes pérdense na atmosfera e outros moitos quedan liberados nas cinzas (o fósforo, calcio, magnesio, nitróxeno e potasio aumentan no solo queimado), aínda que a tendencia futura destes nutrientes é a descender. Esta multiplicación rápida da fertilidade pode ser aproveitada polas plantas. No ecosistema queimado o microclima tamén é diferente, con unha radiación solar elevada, con iluminación e temperaturas máis contrastadas, así como unha exposición máis forte a outros factores do medio. A área queimada é moi vulnerábel sobre todo ao impacto da chuvia, á perda e arrastre do solo por erosión pola falta de protección da vexetación. Nos terreos pouco pendentes, ou con abundantes restos de vexetación sen arder hai menos risco de erosión.

O proxecto de ADEGA para o voluntariado forestal galego

Branca Villares

Páx. 59 – 62

A vaga de lumes do verán do 2006 sufrida por Galicia, ten múltiples efectos asociados, e tamén múltiples causalidades. Á marxe dos atentados incendiarios, as principais causas están ligadas ao descenso da poboación no medio rural, pero tamén a modelos de xestión forestal insostíbeis. Con cada lume que non atallamos perdemos o propio valor forestal dos montes,o valor socioeconómico e histórico, o valor ecolóxico, a biodiversidade, perdemos o prezado solo, etc... pero tamén contribuímos á contaminación dos ríos,contaminación dos encoros e perda dos bancos marisqueiros. Todo isto tradúcese en cuantiosas perdas económicas para os sectores implicados, tanto en capacidade produtiva, como en medios paliativos. Nos días en que Galiza ardía polos catro costados, houbo unha cobertura mediática sen precedentes, o que sen dúbida contribuíu en grande parte á resposta social xerada. A cidadanía demandou cambios efectivos na política forestal para frear definitivamente o problema do lume en Galiza, pero tamén demandou espazos de participación social, dende os cales poder contribuír a mudar a situación. Neste contexto naceu o Voluntariado en Defensa do Monte Galego (VDMG).

ADEGA Cadernos
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal