ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Mesa redonda Outro Garañón... na...

14-06-2022

Mesa redonda Outro Garañón... na Muralla de Lugo?

O Foro do Camiño Primitivo, plataforma da que forma parte ADEGA, ten prevista unha mesa redonda o vindeiro martes 14 de xuño ás 19.30h no Auditorio do Vello Cárcere de Lugo, baixo o título Outro Garañón... na Muralla?

A esquina de San Roque co Carril das Flores é confluencia de dous Patrimonios da Humanidade, a Muralla Romana e o Camiño Primitivo. Sendo un punto de especial relevancia no eido patrimonial e histórico da cidade de Lugo, rexeitamos de forma contundente a solución aprobada na Modificación do PEPRI no Quinteiro 214A, que atende a argumentos especulativos deseñados polo interese privado cun gran desprezo polo ben común e a conservación do patrimonio na cidade de Lugo. E é que o Camiño Primitivo queda relegado ao acceso dun aparcadoiro, cunha pendente do 14% o que vulneraría a normativa de accesibilidade, e cuxa tramitación acumula un grande número de irregularidades. Ademais, a edificabilidade proposta fronte á Muralla foi criticada polo ICOMOS debido á súa magnitude.




A Xornada de debate

Durante a mesa redonda coñeceremos as irregularidades que motivaron o recurso ante o Tribunal Supremo, os informes críticos coa solución proposta emitidos polo ICOMOS e a Real Academia Galega de Belas Artes, e coñeceremos algunhas alternativas máis respectuosas que poderían desenvolverse no devandito quinteiro.

Contaremos nesta xornada con (por orde de intervención) Raúl Veiga Lamela, secretario da delegación de Lugo do COAG Camino Casabella, licenciada en Belas Artes e docente, voceira do Foro do Camiño Primitivo Xose Anxo Carreira Montes, arquitecto Carmen Figueiras, presidenta da delegación de Lugo do COAG Modera Froilán Pallín Seco, secretario xeral ADEGA

Cando máis lle vai custar á cidadanía as decisións políticas deseñadas por intereses privados? 
Dende a plataforma consideramos que o Concello ten que velar pola protección do patrimonio e debe promover alternativas contando coa participación pública, alén das fases administrativas de exposición pública, e acordes ao enclave que se pretende urbanizar. 

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal