ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / ROTEIRO "A arte prehistórica...

23-01-2022

ROTEIRO "A arte prehistórica escondida nos Ancares"

O autobús levaranos ata a Necrópole megalítica da Pena dos Mouros-Alto do Oural, en Cervantes, composta por 9 mámoas, e a 1.180 metros de altitude. Dende aquí colleremos o autobús que nos deixará no Castro de Santa María, en Cervantes, século I a.C.-II d.C. declarado BIC. Nas inmediacións hai varias explotacións mineiras de época romana de grande interese. Aproveitaremos para xantar no Castro.

Colleremos novamente o bus para chegar á Necrópole megalítica dos Lagorzos-Serra de San Pedro, en Becerreá, composta por 8 mámoas e situada a 800 metros de altitude. Dende este punto, camiñaremos polas zonas afectadas polo proxecto eólico Serra do Furco que actualmente está en fase de tramitación.

A lonxitude total será de 8 Km e a dificultade será baixa.

O programa de roteiros "As nosas sagradas montañas"

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio. Os seguintes roteiros son: 

  • 20 de febreiro O Cadramón, as nascentes das augas en colaboración con Cultura do País do Valadouro
  • 20 de marzo Virileo: Dende os Ancares ate o mar por Negueira de Muñiz en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento de Negueira.
  • 24 de abril O santuario perdido dos celtas polo Monte do Seixo en colaboración coa Asociación Capitán Gosende
  • 22 de maio A Galiza estremeira por Alto Cabrera en colaboración con  Bierzo Aire Limpo
  • 12 de xuño Camiñando polas terras do lobishome polo Biduiral de Montederramo.

Reserva a túa praza!

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo irase  actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a túa reserva. 

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos. 

Prezo xeral: 18€; Socios/as de ADEGA: 12€; Estudantes ou en paro: 15€; ata 14 anos: 5€.

    Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 ou escribir un correo electrónico a adegalugo@adega.gal.

    Ligazóns

    Descargas

    ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
    Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
    Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal