ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / ROTEIRO "Montañas de Navia"

19-12-2021

ROTEIRO "Montañas de Navia"

O vindeiro domingo 19 de decembro, percorreremos as montañas de Navia guiadas nesta xornada pola Asociación Irmandade Naviega. Seguiremos a ruta ao Miravalles dende o porto de Ancares.

O bus deixaranos no Porto de Ancares (1649m), e camiñaremos polos cumes das montañas Alto das Concas (1726m), Pina Neira (1812m), Collado do Arneiroso (1762m) ata chegar a Miravalles (1966m). Sendo a lonxitude total de ida e volta, xa que non é circular, duns 10Km, cunha dificultade media-baixa.

Antes de chegar ó porto de Ancares é interesante parar para ver certos elementos etnográficos de interese: curtíns, uriceiras, carriles… Mesmo aldeas interesantes como Coro de Rao, Rao, Murias de Rao e Balouta (1ª aldea de León). Isto significaría que tardaríamos máis en chegar ó Alto de Ancares e só poderiamos facer una parte da ruta. As vistas, se o día vale, son sempre espectaculares. 

De regreso, tamén poderiamos visitar a Alzada ou Braña de Pandozarco. No seu momento, de maio a setembro/outubro, cabanas pre guardar o gando, que subían da aldea prá alzada ó chegar o bon tempo; na actualidade, todas as cabanas que quedan, que son bastantes, tan restauradas e serven pre celebraren festas e merendolas, especialmente nos vraus, cando volve de vacaciois a xente emigrada en Barcelona. Na baixada ata Murias de Rao tamén hai un curtín de gran tamaño. Como ás 18:00 é noite neste tempo, todo depende das preferencias do grupo.

Se as previsiois meteorolóxicas fosen malas, podíamos optar por facer unha ruta riu abaixo, cara a Asturias; pero, sendo bonito, é máis monótono e habería que camiñar maioritariamente por estradas rurais. Visitariamos o canón do Navia e terras de viñas; viñas que, de chegar a facelo, tivese anegado o “Gran Suarna”. Na actualidade, hai unhos mozos en Coea que andan recuperando as viñas e producindo mel. Nas aldeas de A Ribeira e Sena (Asturias) tamén colleitan uvas e fain viño aínda. Xunto con Negueira de Muñiz e algunas aldeas da Fonsagrada, o viño que se colleutaba por eiquí (branca lexítima, tinta serodia, merenzao, mencía…) na actualidade ta sendo recoñecido.

Para aproveitar o día, a saída dende Lugo será ás 8h da mañá.

Reserva a túa praza!

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do venres 17 de novembro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos. 

saída do autobús será ás 8.00 horas da mañá dende a Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro en Lugo (antiga Escola de Maxisterio).

Os roteiros serán de xornada completa. Recoméndase ás participantes levar roupa e calzado axeitados e viandas para o camiño.

Para máis información, tamén se pode chamar aos teléfonos 982 240299 (local) ou 677800293 (Lucía).

Prezos

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€
En caso de cancelación da reserva, prégase avisar o antes posible por teléfono. A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o aboamento íntegro do prezo da praza para evitar prexuízos económicos á organización. Se a cancelación fose por motivos de saúde, procederase á devolución da metade do importe sempre que se presente xustificante médico.

O bo humor é cousa de todas/os! Anímate a participar!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal