24-10-2021
Este domingo 24 de outubro daremos inicio ao novo programa de roteiros “As nosas sagradas montañas”, e como é costume imos ao Courel.
O autobús deixaramos no Alto do Couto, e faremos a entrada polo Chan da Rogueira, seguiremos o Carreiro dos dez Regueiros ata a Fonte do Cervo e saída ao Val Glaciar de Ferreirós. Neste punto consideraremos a opción de visitar o Pico Polín.
Pasaremos pola Campada Lucenza, e poderemos visitar a Lagoa co mesmo nome ou ver os fósiles crinoides do Ordovícico. Subiremos ata o Teso das Papoulas, e baixaremos ata a Boca da Rogueira, para iniciar dende alí a subida a Formigueiros.
Dende o cumio de Formigueiros (1654m) daremos a opción de baixar pola pista ata o alto do Couto ou ben baixar pola arista panoráminca desta fermosa montaña. Ao rematar e para coller forzas.
A distancia total é de dez quilómetros, sen contar as visitas opcionais ao Pico Polín e/ou a Lagoa da Lucenza, que de facerse as dúas serían en total 14 km. Percorrido de dificultade media.
As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do venres 22 de outubro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
A saída do autobús será ás 9.00 horas da mañá dende a Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro en Lugo (antiga Escola de Maxisterio).
Os roteiros serán de xornada completa. Recoméndase ás participantes levar roupa e calzado axeitados e viandas para o camiño.
Para máis información, tamén se pode chamar aos teléfonos 982 240299 (local) ou 677800293 (Lucía).
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal