ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro pola Serra do Xurés:...

09-06-2019

Roteiro pola Serra do Xurés: coñecendo as especies dos grandes territorios

Seguindo os pasos do lobo baixo a mirada da aguia real

Desta vez viaxaremos até o Parque Natural da Baixa Limia – Serra do Xurés, lindeiro co Parque nacional portugués da Peneda – Gerês, para coñecermos máis as especies que habitan os grandes territorios: a aguia real, o lobo ou a cabra montesa.

O Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés, xunto co contiguo Parque Nacional da Peneda - Gerês, conforma unha unidade de 100.000 ha de espazo protexido onde se solapan distintas figuras de protección (Reserva Transfronteiriza da Biosfera, ZEC, ZEPA).

Na Serra do Xurés a peculiar xeoloxía, xeomorfoloxía e clima contribuíron a conformar o hábitat de especies de flora e fauna únicas ou que teñen nestas inaccesíbeis serras o seu último refuxio. Entre os penedíos da serra, armerias e lirios comparten espazo con especies que precisan grandes territorios como a reintroducida cabra montesa, a aguia real ou o lobo nun fráxil equilibrio ao xeito dos bolos graníticos que conforman as pedras cabaleiras.

Achegarémonos ao corazón da serra, até o foxo do lobo de Guende, nunha ruta que nos permitirá contemplar os profundos vales e abruptos cumios da Serra do Xurés e o contraste cos planaltos do Leboreiro e a Mourela. Á tarde, coñeceremos o val do Río Caldo, nun treito da Via Nova, que leva aí máis de dous mil anos para ser percorrida.
Remataremos o percorrido cun baño de auga quente ou fría, a escoller.

Guiará este percorrido Alberto Gil “Toupa, colaborador de GREFA (Grupo de Rehabilitación da Fauna Autóctona e o seu Hábitat) e co-responsábel da reintrodución da aguia real no Parque. Toupa defínese a si mesmo como un “pastor de aguias”.

Reserva a túa praza!

Reserva a túa praza! Xa está aberto o prazo de inscrición. A reserva de praza deberá realizarse preferentemente a través do formulario de inscrición, accesíbel na páxina web de roteiros de ADEGA-Lugo, aínda que tamén será posíbel facela por teléfono, chamando ao 982 240 299 ou ao móbil 679 721 687.  

As prazas cubriranse por orde de inscrición. O prazo para efectuar a solicitude de praza remata o xoves 6 de xuño ás 14 horas, polo que non se admitirán as reservas realizadas posteriormente.

Pago por adiantado e transferencia bancaria

O pago deberá efectuarse por adiantado e mediante transferencia bancaria ao número de conta que che indicaremos unha vez formulada a solicitude, a fin de facer efectiva a túa reserva. Se o prefires, tamén podes pagar en metálico presencialmente no local de ADEGA-Lugo, sempre por adiantado e antes de que finalice o prazo de inscrición. 

Os custos da actividade irán destinados a pagar a xestión, transporte e o seguro obrigatorio.

Os prezos son vantaxosos para os socios/as de ADEGA, menores de 14 anos, estudantes e persoas en situación de desemprego:  

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Até 14 anos: 5€

Cancelacións

En caso de cancelación da reserva, prégase avisar o antes posíbel por teléfono.  

A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o aboamento íntegro do prezo da praza para evitar prexuízos económicos á organización.

Excepcionalmente, se a baixa se debe a motivos de saúde, procederase á devolución da metade do importe, previa presentación do correspondente xustificante médico.

Recomendacións

A saída do autobús terá lugar o domingo, 9 de xuño, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro, ás 8:00 horas.  

Recoméndase aos participantes estar no punto de quedada 5 minutos antes da hora de saída, levar roupa e calzado impermeábel e comida para o camiño.

Neste caso, é moi aconsellábel levar prismáticos para gozar de mellores observacións.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal