ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Participa na II Deseucaliptización...

16-05-2019

Participa na II Deseucaliptización Simultánea de Galiza

Con motivo da Semana Mundial do Medio Ambiente, a primeira semana de xuño, a rede de 70 entidades (entre as que está ADEGA) a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, convida a toda a sociedade galega a organizarse para eliminar dos seus montes especies exóticas invasoras como o eucalipto, as acacias ou mimosas, entre outras. A través destas accións preténdese visibilizar a existencia dunha gran parte da sociedade que rexeita o modelo forestal actual (e polo que segue a apostar o goberno da Xutna) e a vontade de procurar entre todas un monte diverso, multifuncional e sostible no que estea desterrado o monocultivo de eucalipto e a presenza doutras especies invasoras.

Os efectos negativos do monocultivo de eucalipto sobre o medio ambiente son de sobra coñecidos: erosión do solo, perda de biodiversidade, desprazamento das especies autóctonas, presión sobre cauces fluviais e reservas hídricas, lumes forestais, agravan os efectos da mudanza climática, eliminan paisaxe…, e malia a todo aínda segue a ser promovido como “alternativa” para o monte galego na revisión da Xutna do Plan Forestal Galego, que se atopa en tramitación. Este planeamento prevé aumentar a superficie de eucaliptais cando menos nunhas 25.000 hectáreas máis nos vindeiros 20 anos, cando estes xa ocupan o 17% de todo o territorio galego.

Como participar na II Deseucaliptización Simultánea

Para favorecer o carácter simultáneo e masivo das accións, convidamos a todas aquelas persoas ou entidades que compartan o obxectivo desta iniciativa a sumar a súa actividade de eliminación de eucaliptos, acacias, ou doutras plantas invasoras á proposta de Cousa de Raíces, enviando ao email de Cousa de Raíces (cousaderaices@adega.gal), antes do mércores, 29 de maio, os seguintes datos:

  • Día e horario da acción:
  • Concello e parroquia:-Nome do Monte:
  • Localización do punto de encontro (coordenadas en google maps):
  • Colectivo/s que a promove/n:
  • Téléfono de contacto para inscricións:-
  • Email de contacto para inscricións:
  • Breve descrición de en que vai consistir a actividade:
  • Outra información de interese:

Todas as accións que se incorporen á II Deseucaliptización Simultánea de Cousa de Raíces e que se desenvolvan en propiedade privada deben contar co beneplácito da persoa ou entidade propietaria.

Descarga e comparte o carimbo da actividade

Inserta no material divulgativo da actividade o carimbo ou logo da “Deseucaliptización Simultanea”. Podes descargalo en diferentes cores:

Mapa provisional da II Deseucaliptización simultánea de Galiza

Ata o de agora xa se sumaron a esta xeira deseucaliptizadora e/ou desacacializadora 7 accións (4 na provincia de Pontevedra, 2 na Courña e 1 en Ourense)  en toda Galicia que se desenvolverán de forma simultánea por 10 entidades diferentes o sábado, 8 de xuño; mais, é previsible que durante os vindeiros días se sumen aínda máis iniciativas.

Se queres consultar cales son, preme no mapa ou na seguinte ligazón onde atoparás os datos de contacto e unha breve explicación de cada unha das accións: http://cort.as/-IHhe

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal