ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Folga polo clima nas cidades galegas

25-04-2019

Folga polo clima nas cidades galegas

Fridays For Future chama a unha nova xornada de mobilización para o 25 de abril na cidade da Coruña

#FridaysForFuture @fridays4future.galicia

O estudantado galego convoca unha nova xornada de mobilización no marco do #FridaysForFuture para este xoves 25 de abril. As convocatorias fixadas en todo o pais son as seguintes:

  • Santiago de Compostela: Praza Roxa (18h30)
  • A Coruña: Marcha Obelisco – María Pita (18:00h) Concentración Maria Pita (19:00h)
  • Ourense: Facultade de dereito (18:30h)
  • Vigo: Farola de Urzáiz (20:00h)
O obxectivo desta convocatoria é esixir políticas reais e efectivas ás administracións ante o paradigma actual de Cambio Climático. Desde ADEGA apoiamos tódalas as convocatorias do estudantado galego nesta alianza global da mocidade para esixir ás administracións competentes, e á sociedade en xeral, un cambio de políticas e de comportamento para frear o proceso de cambio climático que está acontecer, garantindo así o futuro da terra, das especies e dos recursos ecosistémicos necesarios para vida. Porque ao ritmo actual de emisións, quedan apenas 11 de anos de marxe de actuación para evitar un incremento da temperatura global superior a 1,5ºC para 2100, o cal xa tería consecuencias irreversibles nos ecosistemas.

O Antropoceno e o Cambio Global

A perda de biodiversidade, a fragmentación dos hábitats, o quecemento global, o Cambio Climático, a acidificación dos océanos, os desxeos dos polos, etc, son só algúns dos exemplos do Cambio Global que está a experimentar o planeta por mor da influencia das actividades humanas.

Estas influencias teñen un impacto de tan elevada magnitude nos ecosistemas que xa a comunidade científica definiu unha nova era xeolóxica denominada Antropoceno. Esta nova era reflicte que as actividades antropoxénicas foron o motor e o vector que modificaron e transformaron moitos procesos naturais e ecolóxicos do planeta, até o punto de que a súa restitución é case irreversible a día de hoxe.

Cun escenario de Cambio Global inequívoco, constatado pola comunidade científica a través dos últimos informes do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC nas súas siglas en inglés), é hora de que as administracións públicas e a sociedades civil fagan súas tamén as demandas da mocidade que loita polo futuro da terra e da vida.

O tempo esgótase, por iso é hora de actuar!
Vémonos nas rúas!

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal