ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro ao P.N. de Corrubedo: o sapoconcho...

05-05-2019

Roteiro ao P.N. de Corrubedo: o sapoconcho común e o sapo de esporóns

O vindeiro domingo, 5 de maio, desde ADEGA-Lugo continuamos defendendo e dando a coñecer aquelas especies máis ameazadas da fauna autóctona galega, cun novo roteiro do programa “Fauna d’aquí”. Nesta ocasión, viaxaremos ata o Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, que presenta unha gran variedade de hábitats, relicto de especies escasas de aves, réptiles ou anfibios.

Desta volta, faremos unha parada no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, ás 9.30 horas, para recoller aquelas persoas que desexen acudir desde alí.

O percorrido será de 13 km (alternando treitos a pé e en bus) e a dificultade baixa, aínda que o itinerario podería sufrir algunha modificación, en función da meteoroloxía.

Enmarcado entre a ría de Arousa e a de Muros e Noia, o Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán constitúe un excelente exemplo de complexo barra-litoral en Galiza. Situado nunha antiga baía rechea de sedimentos, conta cun extenso sistema dunar de gran valor natural e paisaxístico, marismas e lagoas costeiras, que albergan moitos tipos de hábitats, refuxio de especies escasas de fauna e flora. Por iso, aproveitaremos para afondar un pouco máis na situación de tres especies en preocupante estado de conservación, como son a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), o sapoconcho común (Emys orbicularis) ou o sapo de esporóns (Pelobates cultripes), entre outras.

Neste espazo natural destaca a gran duna móbil, a máis grande do noroeste peninsular, cunhas dimensións de 1 km de longo, 250 m de ancho e ata 15 m de alto. Tras a praia da Ladeira, en lento e constante movemento, avanza cara ao interior impulsada polos ventos do suroeste, mentres que os ventos do nordés devolven a area cara ao mar. Existen tamén varias dunas fixas cara ao interior das praias, que inclúen diferentes cordóns de dunas primarias e secundarias, extensos campos de dunas semifixadas pola vexetación, chairas e corredores. Debido á fraxilidade deste ecosistema, está completamente prohibido camiñar sobre elas.

Ademais do sistema dunar, a importancia ecolóxica do Parque vén dada pola existencia de dúas lagoas litorais, con extensas marismas asociadas e zonas húmidas de importancia internacional. A lagoa de Carregal, de auga salobre, desemboca no océano Atlántico, sendo o Río do Mar a súa principal canle de comunicación, polo que está sometida a continuos cambios polas mareas e correntes, e presenta vexetación halófila. Este ambiente de marisma serve de acubillo para moitas aves limícolas, como píllaras, mazaricos, pilros, biluricos ou o pernileiro, en perigo de extinción.

A lagoa de Vixán, de auga doce, caracterízase pola súa gran riqueza biolóxica, con abundante vexetación acuática, na que predomina a carriza, hábitat das principais especies de anátidas e rálidas, ou da escribenta das canaveiras, paxaro de distribución moi limitada e en perigo de extinción. De camiño á lagoa, no regato Amendo, tamén resiste unha especie de cabaliño do demo ligado a cursos de auga moi limpa, catalogado como vulnerable pola escaseza de hábitats favorables.

Guías especializados

Durante o roteiro, poderemos coñecer moito máis sobre a bioloxía, principais ameazas e problemas asociados á convivencia co ser humano que fan perigar a supervivencia destas especies, da man do guía e biólogo local Miguel Conde. Ao achegarnos ao litoral, falaremos especialmente da píllara das dunas, ave limícola que aniña nos nosos areais, en forte retroceso pola presión turística nos seus lugares de cría. Visitaremos tamén algunhas charcas do Parque onde se rexistrou o sapo de esporóns, anfibio moi escaso en Galiza, por mor da súa especialización en canto ao hábitat preferente, que posúe un característico esporón negro no pé posterior, para escavar galerías e enterrarse.

Contaremos ademais coa colaboración de César Ayres, herpetólogo da Asociación Herpetolóxica Española (AHE), que participou na elaboración do Plan de Recuperación do sapoconcho común, unha tartaruga de auga doce galega, en perigo de extinción. A poboación do Parque procede dunha reintrodución na charca de Olveira para intentar recuperar a distribución histórica da especie no Barbanza. Deste xeito, procuramos unha maior sensibilización, especialmente coa herpetofauna, tradicionalmente asociada a connotacións negativas na cultura popular galega, e a necesidade de protexela.

Percorrido

A lonxitude do roteiro será de 13 km (alternando treitos a pé e en bus) e a dificultade baixa, aínda que o itinerario podería sufrir algunha modificación, en función da meteoroloxía.

Subiremos primeiramente ata o miradoiro da Pedra da Ra, con impresionantes vistas da gran duna móbil, a ría de Arousa e algunhas illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Seguiremos polo Camiño do Mar ata a pequena charca de Olveira, onde foi reintroducido o sapoconcho común. Neste treito, acompañaranos un vixiante do Parque e teremos que levar chaleco reflector como distintivo, ao tratarse dunha autorización de acceso excepcional do Servizo de Parques Naturais de Galicia. Despois, achegarémonos ao litoral, ata a praia da Ladeira e a zona dunar, para ver o hábitat onde cría a píllara das dunas nos nosos areais.

Xantaremos á sombra nos piñeirais da praia do Vilar, lugar onde tamén se sitúa o Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa e o Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (CIELGA). Xa pola tarde, achegarémonos á lagoa de Vixán, a máis natural e interesante do sistema protexido, finalizando a nosa visita nunha das charcas da comarca onde se rexistrou a presenza do sapo de esporóns, anfibio moi raro en Galiza, ligado a solos brandos, onde pode escavar. Se nos queda tempo, daremos un paseo ata as dunas de Punta Couso, onde poderemos falar dos principais problemas aos que se enfronta este sapo, e remataremos a xornada gozando da espectacular panorámica da lendaria Illa de Sálvora.

Reserva a túa praza!

Xa está aberto o prazo de inscrición! A reserva de praza deberá realizarse preferentemente a través do formulario de reserva, aínda que tamén será posible facela por teléfono, chamando ao 982 240 299 ou ao móbil 670 260 440.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. O prazo para efectuar a solicitude de praza remata o xoves, 2 de maio, ás 14:00 horas, polo que non se admitirán as reservas realizadas posteriormente.

Pago por adiantado e transferencia bancaria

O pago deberá efectuarse por adiantado e mediante transferencia bancaria ao número de conta que che indicaremos unha vez formulada a solicitude, a fin de facer efectiva a túa reserva.

Os custos da actividade irán destinados a pagar a xestión, transporte e o seguro obrigatorio. Os prezos son vantaxosos para os socios/as de ADEGA, menores de 14 anos, estudantes e persoas en situación de paro:

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€

Cancelacións

En caso de cancelación da reserva, prégase avisar o antes posible por teléfono. A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o aboamento íntegro do prezo da praza para evitar prexuízos económicos á organización. 

Excepcionalmente, se a baixa se debe a motivos de saúde, procederase á devolución da metade do importe, previa presentación do correspondente xustificante médico.

Recomendacións

saída do autobús terá lugar o domingo, 5 de maio, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro, ás 8:00 horas. Farase unha parada ás 9.30 horas fronte ao Pazo de Congresos (San Lázaro) de Santiago de Compostela para recoller as persoas que queiran acudir desde alí.

Recoméndase aos participantes estar no punto de quedada 5 minutos antes da hora de saída, levar roupa e calzado impermeable e comida para o camiño. Neste caso, resulta imprescindible levar chaleco reflector como distintivo para acceder ata a charca de Olveira, ao tratarse dunha autorización excepcional do Servizo de Parques Naturais de Galicia.

O bo humor é cousa de todas/os! Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal