ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / I Reconhecemento plantas medicinais Lugo

27-04-2019

I Reconhecemento plantas medicinais Lugo

O vindeiro sábado, 27 de Abril, ADEGA organiza unha saída de campo ao Parque dos Paxariños, baixo o título “Non somos malas herbas” para dotar ao público xeral de ferramentas que lle permitan recoñecer in situ algunhas das plantas medicinais máis habituais dos parques urbanos nesta época do ano. Será unha pequena aproximación ao coñecemento das plantas medicinais máis comúns co propósito de desterrar a idea preconcebida de que son malas herbas, sendo obxecto de eliminación para moitos individuos que descoñecen o seu valor, máis alá das súas funcións ecosistémicas.

Durante a actividade, farase fincapé no recoñecemento visual destes elementos, para con posterioridade afondar nas súas propiedades, cualidades ou usos con determinados fins terapéuticos ou para mitigar certas doenzas, como por exemplo, a menorrea, úlceras intestinais, problemas respiratorios, entre outras.

Por outra banda, desde ADEGA preténdese revalorizar as contornas de proximidade, repensando os espazos e dándolle novos usos, permitindo que os usuarios e usuarias dos poidan observar, coñecer e salvagardar a presenza destas especies nos parques urbanos. Para a primeira edición de recoñecemento de plantas medicinais, acudiremos ás costas do Parque municipal dos Paxariños de Lugo, que une o Paseo do río Rato coa Ronda de Fontiñas. A pesar da súa pequena extensión, esta contorna alberga un gran número de variedade de especies con peculiaridades que dan conta do seu interese medicinal e terapéutico.

Malia que en moitas ocasións, os usos das plantas que serán analizadas teñen un carácter histórico e cultural innegable, resaltamos o feito de que o recoñecemento non implica o seu coñecemento. Así pois, debemos ser coidadosas á hora de empregar certos recursos naturais, tendo en conta que é necesario acreditar nunha investigación rigorosa previa o seu uso para o  consumo humano.

A actividade estará aberta á participación pública xeral e será de balde. Será necesario inscribirse previamente nos teléfonos 982240299 ou 680706057. O punto de encontro para esta saída será o Local de ADEGA (Rondas das Fontiñas, nº 180, Entrechán), ás 16:00 horas. Unha vez reunida á equipa participante, achegarémonos ao parque –situado na mesma rúa- onde dará comezo a actividade. 

Cada persoa recibirá diferentes materiais que complementen as temáticas analizadas, nesta primeira toma de contacto coas plantas medicinais. Para esta actividade, contaremos ademais coa colaboración do profesor de botánica da USC, Manuel Antonio Rodríguez Guitián.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal