ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro San Tirso-A Pontenova: remontando o Eo...

24-03-2019

Roteiro San Tirso-A Pontenova: remontando o Eo pola Ruta do Ferrocarril

Continuando co programa de roteiros “Fauna d’aquí”, o vindeiro domingo, 24 de marzo, ADEGA-Lugo organiza unha nova andaina entre terras asturianas e galegas, desde San Tirso de Abresata A Pontenova, seguindo a Ruta do Ferrocarril, nunha viaxe no tempo para coñecer o pasado da minería do ferro do antigo concello de Vilaoudriz.O percorrido será de 12,5 km (opcional: +1 km) e a dificultade baixa(opcional: media-baixa).

Pertencente ás Terras de Miranda e no corazón da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, a historia de A Pontenova vén marcada polo inicio da explotación dos xacementos de ferro por parte dunha sociedade vasca, a comezos do século XIX, ao adquirir un conxunto de minas situadas no concello de Vilaoudriz (actual A Pontenova). Destas minas extraíanse dúas clases de mineral: o hidróxido de ferro ou limonita e o carbonato cloritoso, que contiña fósforo. Este último comezaba a cotizarse en Europa co descubrimento do proceso de desfosforación do ferro en fornos de calcinación. Deste xeito, xurdiu o conxunto arqueolóxico industrial dos fornos de calcinación, realizados con cerámica de Sargadelos. A importancia desta actividade levou á construción dunha nova liña de ferrocarril, que se puxo en funcionamento no 1903, para transportar o mineral cara o porto de Ribadeo. En agosto de 1905, inaugurouse o servizo público de viaxeiros, converténdose nun medio de transporte mixto de carga e pasaxe.

Ao inicio da xornada, visitaremos a Aula de Interpretación da Pesca, no segundo andar da Oficina de Turismo de A Pontenova (antiga estación de tren do 1900), na que poderemos observar distintos materiais antigos de gran calidade relacionados coa pesca de troitas, reos ou salmóns, testemuño histórico da abundancia de salmónidos no Eo. Poderemos coñecer máis sobre a bioloxía, comportamento e principais causas da súa regresión, coa colaboración de Javier Méndez, experto en salmónidos, que nos falará da importancia da pesca sen morte para a súa conservación.

Despois, desprazarémonos ata San Tirso de Abres (na veciña Asturias) e, do mesmo xeito que o salmón volta ao seu lugar de orixe para reproducirse e desovar, remontaremos o Eo pola Ruta do Ferrocarril ata A Pontenova, seguindo o antigo trazado da liña ferroviaria. Remataremos o noso percorrido no conxunto etnográfico dos fornos de calcinación e minas de Vilaoudriz, con todos os elementos característicos dunha explotación mineira do ferro de comezos do século XX.

O percorrido

A lonxitude do roteiro será de 12,5 km (opcional: +1 km) e a dificultade baixa(opcional: media-baixa).

Partindo da antiga estación de tren de San Tirso de Abres, viaxaremos a través do Túnel de San Tirso, o Túnel da Volta e a ponte ferroviaria, onde veremos dúas das centrais eléctricas máis antigas do país, unha delas aínda en funcionamento. Pasando o Túnel da Central, desviarémonos ata as beiras do Eo, onde se construíu unha escala nunha das marxes da presa para facilitar o remonte dos salmóns. Seguindo polos Túneles de Piagolongo, do Carriceiro e da Asela, chegaremos ao Caseto da Vía, antigo almacén de carbón para reabastecer ás locomotoras de vapor e para gardar as ferramentas dos operarios encargados do mantemento e conservación das vías, onde remata o treito asturiano.

Xa en terras galegas, continuaremos por Ervelle e Veiga da Pada, pasando preto do antigo apartadoiro do tren e do depósito no que se almacenaba o mineral calcinado. Neste punto, os/as máis  usados/as, poderán desviarse da ruta e ascender ata o forno de calcinación de O Boulloso, o único que se conserva dos tres que había orixinalmente no grupo de minas do mesmo nome, e achegarse ata as minas onde se extraía  a limonita. Remataremos o percorrido na antiga estación de tren de “Vilaoudriz” (A Pontenova) e no conxunto etnográfico dos fornos de calcinación.

Reserva a túa praza

Xa está aberto o prazo de inscrición! A reserva de praza deberá realizarse preferentemente a través do formulario de reserva, aínda que tamén será posible facela por teléfono, chamando ao 982 240 299 ou ao móbil 670 260 440.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. O prazo para efectuar a solicitude de praza remata o xoves, 21 de marzo, ás 14:00 horas, polo que non se admitirán as reservas realizadas posteriormente.

Pago por adiantado e por transferencia bancaria

O pago deberá efectuarse por adiantado e mediante transferencia bancaria ao número de conta que che indicaremos unha vez formulada a solicitude, a fin de facer efectiva a túa reserva.

Os custos da actividade irán destinados a pagar a xestión, transporte e o seguro obrigatorio. Os prezos son vantaxosospara os socios/as de ADEGA, menores de 14 anos, estudantes e persoas en situación de paro:

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€

Cancelación

En caso de cancelación da reserva, prégase avisar o antes posible por teléfono.

A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o aboamento íntegro do prezo da praza para evitar prexuízos económicos á organización. 

Excepcionalmente, se a baixa se debe a motivos de saúde, procederase á devolución da metade do importe, previa presentación do correspondente xustificante médico.

Recomendacións

A saída do autobús terá lugar o domingo, 24 de marzo, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro, ás 9:00 horas.

Recoméndase aos participantes estar no punto de quedada 5 minutos antes da hora de saída, levar roupa e calzado impermeable e comida para o camiño. Neste caso, é moi aconsellable levar lanterna para alumear o interior dos túneles que atravesaremos, e chaleco reflector para cruzar a N-640 pola “Ponte da Negra”.

O bo humor é cousa de todas/os! Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal