ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro Veral: na procura do mexillón de...

18-11-2018

Roteiro Veral: na procura do mexillón de río e doutras pegadas

O vindeiro domingo, 18 de novembro, ADEGA-Lugo organiza a segunda andaina do programa de roteiros “Fauna d’aquí”, dedicado ao coñecemento e posta en valor da fauna autóctona de Galiza. Desta volta, visitaremos a Aula da Natureza do Veral e camiñaremos polo val do río Mera de Lugo.

Un dos protagonistas da xornada será o mexillón de río, unha especie en perigo de extinción que desempeña un papel fundamental no filtrado dos ecosistemas fluviais e que constitúe un importante bioindicador da calidade e saúde das súas augas. Iremos na procura dos misterios dos nosos moluscos autóctonos de auga doce e coñeceremos as iniciativas que se están levando a cabo para a protección e recuperación do mexillón de río no Centro Ictioxénico do Veral, única planta de cultivo deste bivalvo existente na Península Ibérica. 

Despois faremos unha ruta a pé, circular, desde a Aula da Natureza, nunha viaxe a través das pedras, a auga e as carballeiras polos montes das Abelairas, Burgo de Mera e Seoane. Aquí habitan diversos mamíferos e outras especies de bosque, polo que nos iremos fixando nos diferentes rastros que deixan ao seu paso. Atoparemos tamén restos da milenaria presenza do ser humano nestas terras: muíños e muros que aproveitaron a dura rocha, canteiras que nos devolven o oco de tempos pasados e antigas aldeas fillas do millo e do pan.

Colaborará e guiará o noso percorrido o persoal da Aula de Natureza do Veral.


O percorrido a pé

A lonxitude do roteiro será de 15 km e a dificultade media-baixa.

Sairemos xusto da entrada do acceso á Aula da Natureza do Veral (estrada Lugo-Friol s/n), e iremos ata as beiras do río Mera para ver o hábitat do mexillón de río ou náiade. Volveremos á Aula para charlar co persoal que traballa na recuperación da especie e coñeceremos algo máis da vida de aventura deste sorprendente molusco.

Seguiremos o noso camiño ascendendo o val do Mera pola “Ruta das Chousas”, ata chegar á capela de San Bartolomeu e á aldea de Burgo de Mera no Camiño Primitivo, onde faremos un descanso na hora de comer.

Despois subiremos ata a divisoria do val do Mera e as terras de Calde, un bo lugar para buscar pegadas e outros rastros. Continuaremos cara á aldea de Seoane e a igrexa de San Xoán do Alto, onde posiblemente se situaba na época medieval un convento dúplice, de monxas e freires. A igrexa data dos inicios do Camiño Primitivo a Santiago (sec. X). Desde Seoane baixaremos ata a Aula do Veral, onde iniciamos o noso percorrido.

Reserva a túa praza

Xa está aberto o prazo de inscrición! Lembramos que este curso, como novidade, a reserva de praza terase que facer preferentemente a través do formulario de reserva da páxina web, aínda que tamén será posible facela por teléfono, chamando ao 982 240 299 ou ao móbil 670 260 440.

As prazas cubriranse por orde de inscrición.

IMPORTANTE!!!: A solicitude de reserva deberase facer antes do venres anterior á data do roteiro. Isto significa que non se admitirán as reservas que se fagan posteriormente ás 00.00 horas do xoves, 15 de novembro.

Se por algunha razón xustificada, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible. Debido ás dificultades de xestión orixinadas e á previa formalización nominal do seguro. A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o pago íntegro da praza.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 18 de novembro, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro, ás 9:00 horas.

Os custos da actividade irán destinados a pagar a xestión, transporte e o seguro correspondente. Os prezos son vantaxosos para os socios/as de ADEGA, menores de 14 anos, estudantes e persoas en situación de paro:

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€
O pago realizarase presencialmente no autobús.

Recoméndase aos participantes estar no punto de quedada 5 minutos antes da hora de saída, levar roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todas/os!

Outras recomendacións

Hai dous puntos con auga e cuarto de baño na ruta (Aula da Natureza e bar “As Searas”), pero recoméndase levar auga e algo de picar para a tarde. Non hai fontes de auga potable no camiño.

En caso de tempo inestable, hai 4 puntos onde nos poderemos abrigar, pero non esquezas levar roupa complementaria de abrigo na mochila. A ruta vai por camiños secos, aínda que eventualmente pode haber empozamentos.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal