ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / Roteiro: O oso pardo de volta no Courel

28-10-2018

Roteiro: O oso pardo de volta no Courel

Cartaz roteiro Courel 2018-2019

O vindeiro domingo, 28 de outubro, ADEGA-Lugo dá comezo ao seu programa de roteiros “Fauna d’aquí” 2018-2019 cunha andaina pola Serra do Courel, destino consolidado que tradicionalmente marca o inicio de cada curso.

Dentro dun ciclo de camiñadas dedicado ao coñecemento e posta en valor da fauna autóctona de Galiza, o percorrido deste ano polo Courel terá como protagonista ao oso pardo, unha especie en perigo de extinción, que tras a súa case desaparición do territorio galego a finais do século XIX, parece amosar signos de recuperación, grazas aos esforzos de conservación sobre o seu hábitat e ao cambio cara unha visión máis positiva e favorable entre os habitantes das zonas oseiras.

Os extensos soutos de castiñeiros e as frondosas devesas do Courel conforman un territorio moi favorable onde pode atopar alimento e tranquilidade, o que favoreceu a súa volta de forma totalmente natural e grazas ao aumento de exemplares dispersantes. Durante a camiñada, as persoas participantes poderán coñecer mais aspectos sobre a bioloxía, costumes ou principais ameazas deste plantígrado, ao contar coa colaboración de expertos da Fundación Oso Pardo e da Asociación Galega de Custodia do Territorio, que están a desenvolver o Proxecto LIFE Oso Courel: “Actuacións para favorecer a expansión do oso pardo a novos territorios na Serra do Courel”, co obxectivo de mellorar a convivencia entre o oso e os habitantes locais.

Tamén contaremos con Sos Courel para guiarnos pola montaña con máis biodiversidade de Galiza.

Percorrido

A lonxitude do roteiro será de 14 km e a dificultade media.

O punto de partida será a aldea medieval de Seceda, única aldea de Galiza, xunto con Froxán (tamén no Courel), declarada como Ben de Interese Cultural. Durante a primeira metade do roteiro, percorrerase en descenso o máis profundo do Canón do río Lóuzara ata a Ponte de Súdrios. Por ela cruzarase para o Canón do río Lor, polo que se ascenderá ata a aldea de Ferreirós de Abaixo, onde rematará o roteiro e terá lugar o tradicional magosto coas saborosas castañas courelás. Ao longo de todo o traxecto poderanse observar, e ata tocar, innumerables alvarizas ou alvares, estruturas circulares con muros de pedra seca para impedir o ataque ás colmeas, testemuña dos séculos de convivencia entre osos e humanos. Andaranse os camiños dos osos, sucesión interminable de uceiras, soutos e bosques de ribeira, ao compás do son das cachoeiras e fervenzas. Acuedutos de Lousadela e Cabanelas, pontes e máis pontes, cabanas, camiños e carreiros que se cruzan, fermosos remansos a cada paso. Penas calías das Mulas no medio do Lor, restos dunha freita ciclópea nun tempo sen memoria.

Despediremos a actividade co tradicional magosto con castañas do Courel, que preparará a propia veciñanza da Serra.

Reserva a túa praza!

Como novidade, a reserva de praza deberá realizarse preferentemente a través do formulario de reserva da nova páxina web dos roteiros http://roteirosadegalugo.wordpress.com, aínda que tamén será posible facela por teléfono, chamando ao 982 240 299 ou móbil 670 260 440. As prazas cubriranse por orde de inscrición.

Debemos indicar ademais que as inscricións se terán que facer polo menos con 3 días de antelación á data do roteiro,  é dicir, o último día para inscribirse será o xoves 25 de outubro.

A SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 28 de outubro, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro, ás 9:00 horas.

Se por algunha razón xustificada, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible.

Os custos da actividade irán destinados a pagar a xestión, transporte e o seguro correspondente. Os prezos son vantaxosos para os socios/as de ADEGA, menores de 14 anos, estudantes e persoas en situación de paro:

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€
O pago realizarase presencialmente no autobús.

Recoméndase aos participantes estar no punto de quedada 5 minutos antes da hora de saída, levar roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal