ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / Marcha contra as celulosas 2018: debaixo da...

16-06-2018

Marcha contra as celulosas 2018: debaixo da fábrica están as praias!

Debaixo da fábrica están as praias,…. Recuperémolas!

Cúmprense agora 50 anos do chamado “Maio do 68” e a consigna metafórica “baixo os adoquines está a praia” cobra sentido en Lourizán! Porque aquí é certo: DEBAIXO DA FÁBRICA ESTÁN AS NOSAS PRAIAS… está A MELLOR PRAIA MARISQUEIRA DA RÍA! Recuperalas é hoxe unha das nosas consignas e foi sempre un dos nosos obxectivos.

E para conseguilo, é necesario eliminar o complexo ENCE-ELNOSA, un complexo industrial ilegal que contou sempre coa conivencia submisa dos gobernos do PP e que conseguiu as AAI de forma irregular de mans do goberno bipartito da Xunta.

É necesario reverter a situación sobrevida pola indecente prórroga de 60 anos a ENCE, e decretar a caducidade da concesión de ELNOSA. E o PSOE, que se declarou contrario á prórroga comprometéndose a derrogala, e que goberna agora no estado español, pode facelo! O PP non decretou a continuidade de ELNOSA e deixa a decisión nas mans do PSOE, que non ten máis que aplicar a lei e decretar a caducidade da concesión. Esiximos desde xa que o faga e que impida a continuidade de ELNOSA en Lourizán como primeira medida para o peche definitivo do complexo.

Porque o peche do complexo é necesario para recuperar a Ría, pero permitirá tamén mudar a política forestal e poñer fin á eucaliptización. Porque ENCE non é un problema local! Por iso esta MARCHA é tamén o fin de festa da campaña a prol da ILP PARA A DEFENSA DO BOSQUE AUTÓCTONO E CONTRA OS LUMES FORESTAIS auspiciada por COUSA DE RAICES, CIG, FRUGA, e ORGACCMM e na que ADEGA e a APDR en Pontevedra xogaron un importante papel.

Non renunciamos á loita e unha vez máis chamamos á cidadanía a mobilizarse na defensa do ben común e contra os privilexios empresariais, participando nesta nova MARCHA CONTRA CELULOSAS!

HOXE ELNOSA! MAÑÁ CELULOSAS! SÁBADO 16 DE XUÑO ÁS 19:30 MARCHA CONTRA CELULOSAS SAÍDA DAS ALAMEDAS DE MARÍN E PONTEVEDRA

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal