ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Proxección de "Un país de...

07-06-2018

Proxección de "Un país de cinzas" e presentación da ILP en defensa do bosque autóctono

Cartaz evento un pais de cinzas

O xoves 7 de xuño a delegación de ADEGA-Vigo e Galiza contrainfo organizan un acto conxunto para repensarmos a modelo de xestión forestal vixente e os seus impactos negativos en termos ambientais e sociais. O acto iniciarase cunha presentación e recollida de sinaturas da ILP en defensa do bosque autóctono, para pasar a continuación á presentación e á proxección do documental Un país de cinzas. Pecharemos a xornada cun debate aberto entre todas as asistentes.

Será ás 20:00h no C.S.A. a Cova dos Ratos (r/Romil nº 3, Vigo).

Agardámoste!

Un país de cinzas

Documental realizado por Galiza contrainfo e gravado a semana posterior á vaga de incendios forestais de outubro de 2017. O documental dá voz a sete testemuñas que contan de primeira man a súa vivencia nesta tráxica xornada co fin de lanzar preguntas e reflexionar colectivamente sobre esta problemática ambiental.

As protagonistas desta historia son Miguel Ucles, bombeiro e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, Elena Buch, fotógrafa e veciña da Insua, Pontecaldelas, María Lado, escritora e veciña de Coruxo, Raquel Bastos, paisaxista e veciña do Freixo, Cesar Freiría, músico e veciño do Freixo, Xabier Vázquez Pumariño, biólogo ambiental e ecoloxista, e José Manuel Vázquez, da directiva da Comunidade de Montes de Tameiga.

ILP en defensa do bosque autóctono

O pasado 20 de decembro do 2017 deu comezo a campaña de recollida de sinaturas para poder levar ao Parlamento a Iniciativa Lexislativa Popular para a Defensa do Bosque Autóctono e a loita contra os incendios forestais, cuxo prazo de presentación rematará a finais deste mes. Durante a presentación vaise facer unha introdución á campaña da ILP e os seus motivos e obxectivos, explicando porque é necesario un cambio no novo modelo de xestión forestal vixente por outro máis diversificado, socialmente inclusivo e que favoreza a conservación dos servizos ecosistémicos e da biodiversidade.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal