ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro pola Costa da Vela- Cangas do Morrazo

10-06-2018

Roteiro pola Costa da Vela- Cangas do Morrazo

O domingo 10 de xuño rematamos o programa de andainas de ADEGA-Lugo 2017-2018 dedicado a rememorar os roteiros máis significativos de ADEGA-Lugo nos últimos 20 anos. Despediremos o curso cunha viaxe a Cangas do Morrazo, á Costa da Vela, cun roteiro de 9 quilómetros e de dificultade media.

Se o tempo acompañada, ademais, procurarase un espazo e momento para probar as ondas do Atlántico.

Desta volta, o bus partirá de Lugo ás 8.00 horas e fará unha parada en Santiago de Compostela, ás 9.30 horas. Máis abaixo, atoparedes máis información.


Percorrido

Remataremos os roteiros desta tempada visitando un fermoso lugar da península do Morrazo situado entre as rías de Vigo e Pontevedra: A COSTA DA VELA. Representa o tramo litoral máis agreste das Rías Baixas, coa excepción das illas que están na súa fronte: Cíes e Ons. Neste tramo de costa, os cantís son dominantes, pero tamén acolle ás praias máis salvaxes da ría de Vigo. Trátase dun espazo natural  integrado na Rede Natura.

Comezaremos a ruta subindo desde Donón ao o monte Facho, que  ofrece unha ampla e fermosa panorámica das Rías Baixas. Este mítico lugar representa un importante xacemento castrexo e romano obxecto de recentes escavacións. Ademais, foi un punto destacado para a navegación e a caza de balea durante varios séculos. Dependendo das condicións meteorolóxicas e do interese dos participantes, optaremos por coñecer a metade sur do espazo natural (Cabo Home e praias e dunas de Barra, Viñó e Nerga) ou ben a máis descoñecida e abrupta metade norte, dominada polas matogueiras de cantil e xesteiras inzadas de porcos brav

os, até chegar a Punta Couso, onde se abre a ría de Pontevedra a través da fermosa Enseada de Aldán. Dado que no lugar non faltan feiticeiras praias, contémplase a posibilidade de tomar un refrescante baño ao remate da xornada ou, incluso,  ao longo da mesma.

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto, polo menos con 3 días de antelación.

Ollo!: A partir do xoves, 7 de xuño, só poderás realizar a túa reserva a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo,  10 de xuño, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 8 horas. Desta volta, farase unha parada de recollida de participantes tamén en Santiago de Compostela, ás 9.30 horas, diante do Pazo de Feiras e Congresos (San Lázaro).

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 18€.
  • Estudantes e desempregad@s: 15€.
  • Soci@s de ADEGA: 12€.
  • Ata 14 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. 

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Novo blog de roteiros!

O blog-web dos roteiros de ADEGA-Lugo muda de localización debido á desaparición do sitio blogaliza.org. A partires de agora terás á túa disposición un novo sitio URL para consultar de forma sinxela os contidos dos roteiros de ADEGA-Lugo. Ademais, poderás realizar a túa reserva de praza de forma moi sinxela.
Visita: http://roteirosadegalugo.wordpress.com

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal