ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Exposición sobre o cambio climático...

Do 12-03-2018 ao 24-03-2018

Exposición sobre o cambio climático e a enerxía en Lugo

Este luns 12 de marzo ás 12h no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo inaugúrase a exposición que sobre o cambio climático e o modelo enerxético promove a Deputación de Lugo. Co apoio de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e no marco da iniciativa global “A Hora do Planeta”. 

A exposición, composta por 13 paneis e elaborada coa colaboración do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental) pretende achegarnos á problemática do cambio climático, os seus impactos e consecuencias dende a perspectiva da acción social. As institucións, empresas, ONGs e cidadanía temos unha responsabilidade central na mitigación dos efectos negativos da mudanza climática, particularmente no xeito en que xestionamos a enerxía e o transporte. A exposición fai fincapé no papel que cada un/unha de nós pode desenvolver dende os nosos domicilios, escolas, centros de traballo e organismos públicos, dando conta das accións e propostas de intervención para actuarmos a favor do clima.

A exposición permanecerá aberta até o vindeiro sábado 24 de marzo, data na que centos de cidades de todo o planeta apagarán a iluminación dos principais monumentos públicos entre as 20:30 e as 21:30 horas. Estas iniciativas complementaranse cun simposio sobre enerxía e cambio climático que se desenvolverá o día 20 de marzo ao longo de todo o día no mesmo Pazo de San Marcos e unha visita á vivenda bioclimática e ao parque experimental de Sotavento en Xermade o día 21.

Actividade gratuita
Inscricións:
adega@adega.gal; adegalugo@adega.gal; 981570099 / 982240299

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal