ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polos muíños do...

18-06-2017

Roteiro polos muíños do Folón e do Picón e polo Castelo da Furna

O vindeiro domingo, 18 de xuño, ADEGA-Lugo dará por rematado o seu ciclo de roteiros 2016-2017 titulado "Recuperando O Noso", que dedicou 9 rutas a mostrar diferentes iniciativas, repartidas por todo o país, que teñen como obxectivo a recuperación do noso patrimonio cultural e natural. Para poñer o broche final a este motivador e fermoso percorrido pola nosa terra, iremos ao extremo sur de Galiza, ao concello do Rosal, para coñecer un dos conxuntos etnográficos máis fascinantes da nosa paisaxe, os Muíños do Folón e do Picón. E como estaremos moi preto do noso país veciño, Portugal, cruzaremos a raia ata Valença do Minho para coñecer o Castelo da Furna.

O percorrido será de 12 quilómetros e de dificultade media en xeral. Desta volta, a saída de Lugo está prevista para ás 8.00 horas da mañá.

Percorrido

Iniciaremos a xornada no concello do Rosal cunha ruta de 3,5 km, que nos permitirá coñecer un singular elemento  etnográfico: Os Muíños do Folón e do Picón. Trátase dun conxunto de 67 muíños que datan dos séculos XVII e XVIII e que na actualidade teñen a consideración de Ben de Interese Cultural. Nas súas paredes consérvanse diversas inscricións relativas a: data de construción, propietarios, motivos relixiosos, etc.

Tras o xantar de campo, o autobús levaranos  ao concello de Valença do Minho (Portugal). Preto desta localidade subiremos ao impresionante enclave de rocha granítica denominado Castelo da Furna, onde no século XIII se asentou unha fortaleza da que actualmente só se conservan algúns vestixios. Para acadar a cima deste lugar teremos que percorrer 4,3 km e salvar un desnivel de 400 m. Esta dificultade verase compensada coa espectacular panorámica sobre o Val do Miño e coas curiosas formacións rochosas que alí nos agardan.

A lonxitude será de 12 km ( 3,5 km na ruta dos muíños e  8,5 km na ruta do castelo) e a dificultade será media- baixa na ruta dos muíños e media-alta na ruta do  castelo, debido á pendente e á  ausencia de sombra.

Se o día resultase moi caloroso, as persoas que non se atopasen con folgos para  acometer a subida poderán substituír esta por unha visita a Valença-A Fortaleza.

Reserva a túa praza!

A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto antes do venres.

Ollo!: A partir do venres, só se anotarán as reserva a través do teléfono móbil.

Cubriranse as prazas ata que se esgoten.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 18 de xuño, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 8 HORAS

Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.

Os prezos para a realización desta actividade son:

  • Xeral: 15€.
  • Estudantes, xubilad@s e desempregad@s: 12€.
  • Soci@s de ADEGA: 10€.
  • Ata 17 anos: 5€.
O pago realizarase no autobús.

As persoas participantes deberán levar a súa comida e roupa e calzado axeitados. 

O bo humor é cousa de todas/os!

Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal