ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Xornada divulgativa sobre o nenúfar e o...

06-06-2017

Xornada divulgativa sobre o nenúfar e o mexillón de río

A plataforma “Lugo de Cara ao Miño” convoca para o vindeiro martes 6 de xuño, dentro da Semana Mundial do Medio Ambiente, a II edición das xornadas “Coñecendo o Miño”. Este foro de reflexión iniciouse o pasado ano co obxecto de divulgar e poñer en coñecemento da sociedade luguesa os valores naturais e patrimoniais relacionados co noso principal río, descoñecidos pola inmensa maioría dos cidadáns, e que se atopan en constante ameaza pola acción humana. Através destas xornadas, pretendemos achegar os veciños e veciñas de Lugo ao río Miño e á súa riqueza ambiental e cultural.

Desta volta, a plataforma propón coñecer a fondo dous dos seus habitantes máis singulares e prezados: o nenúfar de río (Nymphoides peltata) e o mexillón de río (Margaritifera margaritifera). Ambas as dúas especies contan cunha especial protección e están catalogadas “En Perigo de Extinción”. Malia a atoparse dentro do Lugar de Interese Comunitario (LIC) Parga-Ladra-Tamóga, en zona de Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera Terras do Miño, seguen sendo dúas das especies máis sensibles e vulnerables do noso río ao seu paso pola cidade de Lugo. Precisamente, a presenza destas dúas especies na zona de actuación foi a que principalmente motivou a última paralización das frustradas e polémicas obras da minicentral hidroeléctrica da Fábrica da Luz, promovidas polo Concello de Lugo e adxudicadas á empresa INCA, no treito que discorre entre o Caneiro da Luz e o Caneiro da Praia.

Para afondar na distribución, características, bioloxía e funcións das poboacións de Nymphoides peltata no río Miño, contaremos coa presenza do Doutor Pablo Ramil Rego, profesor de botánica na USC, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) e especialista na xestión da biodiversidade en espazos naturais protexidos. Pola súa banda, a doutora e profesora de Zooloxía na USC, Mª Paz Ondina Navarret, ocuparase de abordar a descrición das distintas clases de náiades que habitan nos nosos ríos, cal é a súa importancia para os ecosistemas acuáticos e cales as súas principais problemáticas. Fará especial fincapé na Margaritifera margaritifera (mexillón de río), por ser unha das especies máis ameazadas do planeta e por ser tamén obxecto de investigación e recuperación no centro inctioxénico do Veral de Lugo, no marco do proxecto MarMaCul, no que Ondina é a investigadora principal.

A II Xornada divulgativa “Coñecendo o Miño” leva por título: “Mexillón e nenúfar de río: os singulares habitantes do Miño”. Terá lugar o vindeiro martes día 6 de xuño, ás 20 horas, no refectorio do Museo provincial de Lugo, e será aberta ao público xeral. Colaboran nesta edición a USC, a Deputación de Lugo e a Rede Museística provincial de Lugo.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal