22-01-2017
O vindeiro domingo, 22 de xaneiro, ADEGA-Lugo realizará outro dos seus roteiros "Recuperando O Noso", ciclo de andainas 2016-2017 que poñen en valor iniciativas, proxectos ou experiencias que recuperan o noso patrimonio ou saber popular.
Desta volta, visitaremos Castro Verde, algúns dos seus elementos etnográficos recuperados e os seus montes de Cubeiro e Barredo, durante un percorrido de 15 quilómetros e de dificultade media.
Acompañaranos e guiaranos no percorrido a Asociación "Amigos do Patrimonio de Castroverde".
Iniciaremos a xornada coa visita a un elemento etnográfico de gran relevancia nas feiras de Castro Verde: Os Pendellos. Percorreremos tamén o souto-carballeira da “Veiga do Olmo” e achegarémonos ao Mirador do Monte da Lomba. Trasladándonos en bus, visitaremos Monte Cubeiro onde, ademais do cruceiro, a igrexa e convento, cómpre destacar o monolito á tráxica represión franquista que aconteceu nese lugar. Na parroquia de Pena veremos varios elementos salientables: un hórreo de influencia asturiana, unha fonte da época da II República, as penas do Eirado, etc. No ascenso á Serra de Monciro, pasaremos a carón do Pazo de Carballedo. Na cima da Serra veremos restos dunhas mámoas e achegarémonos ao pé da Lagoa Grande. Descenderemos polo monte Seixiños ata a aldea de Córneas, onde ollaremos un carballo centenario. Seguindo camiño, pasaremos pola aldea de Vilaxurxo e chegaremos a Barredo. Dende aquí subiremos á interesante formación rochosa Pena Branca e, voltando de novo a Barredo, remataremos o roteiro.
A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679113718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto.
Ollo!: A partir do mediodía do venres 20 de xaneiro, só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.
Cubriranse as prazas ata que se esgoten.
A SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 22 de xaneiro, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS.
Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.
Os prezos para a realización desta actividade son:
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal