ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / I Certame de creación ´Un animal non...

Do 25-11-2015 ao 04-12-2015

I Certame de creación ´Un animal non é un xoguete´

Regalar unha mascota por Nadal non sempre é unha boa idea. Baixo esa premisa, a Concellaría de Mocidade e Benestar Animal vai poñer en marcha unha campaña de concienciación para que a cidadanía sexa responsable á hora de facer os seus agasallos. O primeiro paso é a convocatoria do I Certame de Creación "Un animal non é un xoguete", que servirá para elixir o cartel que ilustrará a posterior campaña.

O concurso, dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos, pretende ser un chamado a actuar con responsabilidade á hora de regalar un animal, tendo ben presente a que a persoa que o vai recibir estará comprometida co seu coidado.

Na campaña "Un animal non é un xoguete" colaboran varias asociacións animalistas, como SOS Animalia, a Asociación pola Protección Animal Argo, a Asociación Protectora de Animais do Camiño, APACA; ADEGA, e a Asociación 3.P.A. Todos estes colectivos estarán representados no xurado que elixa o traballo gañador, xunto con representantes do Concello.

Requisitos para participar
Os carteis que se presenten poderán utilizar calquera técnica e cor, sempre que non existan dificultades para a súa reprodución. O seu tamaño será de 42x30 cm en posición vertical, sobre cartón-pluma, sen marxes e sen montura de ningún tipo. Para participar, haberá que presentalos en soporte dixital cunha resolución mínima de 300 ppp. Na creación do cartel haberá que ter en conta que, para a súa publicación, incluirase o logo oficial do Concello.

Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras, ben sexan de creación individual ou en grupo. As obras deberán ser inéditas, e non supoñer, en todo ou en parte, copia ou plaxio de escenas fotográficas, carteis ou debuxos xa publicados. Tamén quedarán excluídas se foron premiadas con anterioridade noutros certames ou concursos.

O prazo de inscrición remata o 4 de decembro e o fallo coñecerase aproximadamente unha semana despois. O gañador recibirá un premio de 500 euros. Documentos relacionados

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal