ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / A Lingua, obxecto de documental na III...

29-10-2015

A Lingua, obxecto de documental na III proxección "A nosa Terra, a nosa Cultura"

O vindeiro xoves, 29 de outubro, ADEGA proxectará no Museo Provincial de Lugo ás 20h dous documentais realizados e producidos en Galiza sobre a lingua propia. O primeiro en proxectarse será "A lingua dos nenos" de Rinoceronte Editora, dirixido por Uxía Piñeiro, e de seguido,  “Semente e Neira Vilas” de Semente Trasancos.  

ADEGA promove este ciclo por terceiro ano consecutivo dentro da campaña "Ponte no medio. Móvete polo Territorio". Trátase dun cine-fórum no que se expoñen traballos audiovisuais galegos que dificilmente poden ser vistos nas canles habituais e que teñen que ver co noso patrimonio natural ou cultural.

As diferentes sesións do ciclo permiten á cidadanía intercambiar reflexións e experiencias cos autores dos diferentes traballos documentais e expertos dos diversos eidos sobre os que versan estas obras, creando deste xeito, un espazo de análise e debate do que extraer conclusións e novas vías de acción, de dinamización do rural e de defensa da nosa cultura e territorio.

Tras a proxección dos documentais, haberá unha charla coloquio con Anxa Correa, relacións públicas de Rinoceronte editora, Uxía Piñeiro, directora de “A língua dos nenos” e Silvia Bogo e Olaia Ledo de Semente Trasancos. Este Ciclo Documental conta co apoio e patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.  

SINOPSES

  • A língua dos nenos: “Documental  acerca da perda da lingua materna que sofren os nenos galegofalantes, vista dende a óptica dos seus pais..as conversas cos pais, protagonistas do documental comezan polos seus fillos, pero derivan na situación global do galego: a falta de normalización, a súa escasa presenza na escola, os prexuízos que o arrodean... “.  
  • Semente e Neira Vilas: “Curta/ conversa con Neira Vilas sobre Memorias dum neno labrego, sobre a língua, sobre o futuro, sobre Semente”.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal