Revista CERNA

Artigos de Enerxía e cambio climático. Revista CERNA, medio ambiente e ecoloxismo da man de ADEGA

Algo máis que Cambio Climático

Augusto Pérez Alberti

CERNA Nº 55 - .

Páx. 22 - 24

O cambio climático é un tema que está collendo unha importante presenza nos medios de comunicación provocando inquedanzas nos cidadáns comúns que non entenden moi ben o que está pasando. Os cambios climáticos producíronse moitas veces ao longo da historia, máis o que nos debe preocupar é o rápido cambio climático provocado polos seres humanos que non permite a adaptación das especies. Ademais é imposible predicir o futuro, non sabemos se teremos un quecemento xeneralizado ou ben unha época de arrefriamento. Sería importante estudar o pasado para non cometer erros pase o que pase porque se o nivel do mar sube vai ser difícil que as construcións próximas a costa se salven ou se baixa que algúns portos queden obsoletos. Ademais, hai que traballar para crear un mundo sostible e non vale con cambiar as emisións de CO2 por residuos nucleares que nos traerán outros problemas.

Crónica do primeiro encontro solar. Enchufámonos ao sol?

María Xosé Castro e Ramsés Pérez

CERNA Nº 55 - .

Páx. 51

O pasado mes de maio, ADEGA en colaboración con diversas entidades organizou o primeiro encontro solar galego, unha iniciativa que hai tempo se vén desenvolvendo noutras partes do estado e de Europa.

Concurso eólico: ecoloxistas si, inxenuidade non

Daniel López Vispo

CERNA Nº 57 - Transporte: O tren de proximidade

Páx. 16

Os impactos ambientais e sociais dos parques eólicos instalados ata o día de hoxe, a inutilidade das avaliacións de impacto ambiental realizadas, a arbitrariedade con que o Partido Popular adxudicou as autorizacións, fan que sexan poucas todas as precaucións ao respecto que o ecoloxismo poida adoptar. Porén, centramos a reivindicación no concurso eólico pode ser un grande erro, xa que desvía a atención das verdadeiras deficiencias que na situación actual condicionan a selección de parques eólicos menos impactantes.

A crise económica e o medio ambiente: Ameaza ou oportunidade?

María Xosé Vázquez Rodríguez

CERNA Nº 57 - Transporte: O tren de proximidade

Páx. 24 - 25

Entre os múltiples efectos da actual crise económica, ten interese reflexionar sobre as consecuencias que pode ter sobre o medio ambiente, especialmente pola complexidade das relacións entre crecemento económico e o seu impacto ambiental, e pola influencia que nesta relación teñen as decisións que as Administracións públicas adoptan para facerlle fronte ao problema. A resposta á pregunta inicial deste artigo dependerá en gran medida da aposta que fagan os diferentes gobernos, especialmente os europeos e o estadounidense, que están funcionando como referencia internacionais.

Plan galego de acción fronte ao cambio climático 2008-2012

Emilio M. Fernández Suárez

CERNA Nº 57 - Transporte: O tren de proximidade

Páx. 31 - 33

O Plan galego de Acción fronte ao Cambio Climático (PGACC), constitúe a contribución de Galicia ao cumprimento dos compromisos adquiridos polo Estado español no ámbito do Protocolo de Quioto. O PGACC sitúa a Galicia entre as Comunidades Autónomas máis avanzadas na posta en marcha de accións contra este fenómeno global, xunto ao País Vasco, Cataluña e Andalucía que xa aprobaron os seus correspondentes plans de acción. A elaboración do PGACC é froito do traballo conxunto de todos os departamentos da Xunta de Galicia baixo a coordinación da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostíbel pertencente á Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel.

Uso da Enerxía Solar na UDC

Xesús Giz

CERNA Nº 57 - Transporte: O tren de proximidade

Páx. 34 - 36

As instalacións solares fotovoltaicas permiten a xeración enerxética distribuída. A posíbel localización dos paneis en cuberta, o potencial para a electrificación de lugares onde non chega a rede eléctrica, e a lonxevidade dos paneis fotovoltaicos son quizais os parámetros máis salientábeis desta tecnoloxía. A Universidade da Coruña (UDC) conta cunha instalación fotovoltaica de 7,5 kW no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), en Elviña (A Coruña), e outras instalacións en fase de proxecto.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal