Revista CERNA

Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 74 - Seguimento de...

Outono 2015

CERNA Nº 74 - Seguimento de hérpetos

Artigos da revista CERNA Nº 74

A "citizen science" como ferramenta de traballo na monitorización de hérpetos

César Ayres

Páx. 22-24

O uso do voluntariado, ou da chamada “citizen science”, converteuse nunha ferramenta imprescindible para a monitorización a medio e longo prazo do medio ambiente, especialmente nun escenario de crise e recortes económicos. No caso de Galicia, desde as sucesivas versións do Atlas de vertebrados da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ata o programa SARE (Programa de Seguimento de Anfibios e Réptiles da Península Ibérica), pasouse por diferentes esquemas de monitorización voluntaria. A falla de datos de base e series longas de seguimento limita as posibilidades de análise dos datos, pero semella claro que algunhas especies sofren un severo declive. Pola contra, acadouse un maior grao de coñecemento do estado doutras especies, especialmente nas de distribución mediterránea.

A acidificación oceánica: o outro problema do CO2

Maribel I. García-Ibáñez

Páx. 25-27

A atmosfera terrestre contén gases que absorben a radiación infravermella, os cales son coñecidos como gases de efecto invernadoiro. Entre eles destaca o dióxido de carbono (CO2) xa que as actividades humanas teñen vido a aumentar gradualmente a súa concentración na atmosfera desde a Revolución Industrial (1750). Porén, non todo o CO2 antropoxénico (de orixe humana) permaneceu na atmosfera, parte del foi absorbido polo océano e pola biosfera terrestre, minorando deste xeito o aumento do CO2 atmosférico e, polo tanto, o quecemento debido a este gas. Pero esta absorción polo océano levou a unhaserie de cambios químicos coñecidos colectivamente como “acidificación oceánica”, entre os que se inclúen a diminución do pH e o aumento da disolución do carbonato cálcico, compoñente fundamental das cunchas dos organismos mariños. Estes cambios poden modificar os principais ciclos bioxeoquímicos mariños, polo que a acidificación oceánica ten o potencialde afectar dramaticamente a organismos e a ecosistemas mariños.

"Resclima": a relevancia do factor social para enfrontar o cambio climático

Pablo Ángel Meira Cartea

Páx. 28-30

O século XXI será recordado como o século do cambio climático. Será celebrado porque a humanidade terá sido quen de facer o cambio de rumbo civilizatorio necesario para mitigar os impactos que sufre e sufrirá a biosfera por un metabolismo humano, enerxético e socio-económico que ignora os seus límites. Ou será conmemorado porque non teñamos feito a tempo esa viraxe e as xeracións por vir haberán de sufrir unha biosfera inclemente e abrasadora. Todo depende de como as sociedades humanas estean a interiorizar esta ameaza, da efectividade dos mecanismos de representación social do cambio climático e das respostas que estes impulsen. O Proxecto Resclima analiza estas cuestións.

Crítica do Decreto de Autoconsumo do PP

Fins Eirexas

Páx. 31-32

O Estado vén de aprobar o decreto do autoconsumo co polémico "imposto ao sol". Cárgalles unha peaxe a usuarios/as e Pemes que desincentiva o autoconsumo e atranca a extensión das renovábeis, perpetuando a dependencia das grandeseléctricas. Consumidores/as e administracións podemos e debemos reaxir.

Os Espazos Naturais Protexidos na Galiza. Breve ensaio de xeografía crítica

Valerià Paül, Xosé M. Santos, Miguel Pazos

Páx. 33-36

Nos últimos anos estáselles prestando especial atención as áreas naturais protexidas. Acéptase, por exemplo, que deben ser un suxeito activo dos plans de ordenación posteriores e que o seu recoñecemento incrementará a frecuencia turística. En efecto, é habitual que se inclúan mapas dos espazos naturais protexidos en guías e folletos, así como en plans de distintanatureza (territoriais, urbanísticos, etc.), como se fosen o marco territorial idóneo para a toma de decisións. Porén, neste breve artigo1 queremos pór de manifesto que a declaración destes espazos é fundamentalmente unha construción política eque dista, polo tanto, de ser un acto neutro, até o punto de que os espazos protexidos non sempre teñen correspondencia coas áreas máis vulnerábeis e de maior valor natural e ambiental.

Un ano de "Cousa de Raíces"

Cerna/Redacción

Páx. 37-39

Tras un ano desde o impulso da campaña “Cousa de Raíces” na defensa do bosque galego, o número de asociacións, colectivos, plataformas, centros de investigación, comunidades de montes, empresas e particulares que se uniron a esta iniciativa, posta en marcha por ADEGA, non deixou de medrar. Actualmente participan dela máis de 50 entidades. O alcance da campaña, como así estaba previsto, vén marcado pola proposta de accións e colaboracións establecidas entre os seus membros, que procuran defender o bosque autóctono galego desde varios eidos con carácter reivindicativo, divulgativo ou educativo e de intercambio de coñecementos. Neste artigo, presentamos un breve resumo dos avances que se teñen dado durante este ano no marco da campaña “Cousa de Raíces”.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal