Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / Todas / ADEGA convoca concentracións para denunciar a catástrofe...

19-07-2022

ADEGA convoca concentracións para denunciar a catástrofe ecolóxica e social derivada dos incendios nas xoias naturais de Galiza

O lume non dá tregua nos montes galegos e nós non o faremos nas rúas. Ao berro de LUMES, NUNCA MÁIS!, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) convoca dúas concentracións para esta tarde, 19 de xullo, en apoio e mostra de solidariedade coa veciñanza afectada pola lacra dos incendios forestais que están asolagando as provincias de Lugo e Ourense, e que suman xa preto das 25.000 hectáreas calcinadas. A magnitude desta vaga de incendios supera xa todo o previsto.

Trátase dun auténtica catástrofe ecolóxica, un "Prestige interior" que está destruíndo as serras orientais galegas. Áreas de tan alto valor ambiental como o ZEC Ancares Courel (en Lugo) e o Parque Natural do Invernadoiro, o Parque Natural da Enciña da Lastra e o ZEC do Macizo Central, en Ourense, afectando tamén a Valdeorras, Oímbra e Palas.

En consecuencia, desde ADEGA consideramos lamentable e inxustificable que a titular de Medio Ambiente de Galiza, Ángeles Vázquez Mejuto, non comparecera aínda para concretar e cuantificar cantas hectáreas de espazos naturais protexidos están a ser arrasadas polas chamas así como dar explicacións das medidas que desde o seu departamento se deberían de estar a desenvolver para paliar os efectos dos lumes sobre as nosas máis emblemáticas xoias naturais. Polo tanto, instamos á conselleira de Medio Ambiente a que compareza publicamente para dar conta de cal é a situación actual destes espazos protexidos e adiantar cales serán as medidas que se tomarán para minimizar os efectos do desastre ecolóxico.

En só tres días arderon máis hectáreas das que a Xunta estimaba para todo este 2022 (16.200), dato que recollía no Pladiga (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia), elaborado por Medio Rural. Así, as previsións do goberno quedáronse moi curtas, así como curtos foron e son os 7000 efectivos previstos para aplacar os lumes, que ante a actual situación de desastre ecolóxico, resultan irrisorios. As concentracións de hoxe serán tamén un acto de denuncia da catástrofe social que están supoñendo este lumes, con as 850 persoas evacuadas das súas aldeas e as preto de 50 casas queimadas.

As concentracións terán lugareste martes 19 de xullo en:

  • Ourense, ás 20.00 h, diante da Casa do Chocolate, sede da Xunta.
  • Lugo, tamén ás 20.00h, diante do Multiusos da Xunta.
E nelas reivindicarase, ademais:
  • O reforzo especial dos dispositivos de prevención e extinción nos espazos naturais de maior valor ecolóxico e ambiental de Galiza, agora e durante todo o ano.
  • Accións inmediatas nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posible a súa restauración.
  • O impulso decidido de políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen usos tradicionais dos montes, como o pastoreo ou o uso multifuncional do monte, que contribúen a fixar poboación e a afastar os lumes.
Animamos á sociedade galega a asistir ás concentracións e a seguir mobilizándose en próximas convocatorias.

Lumes, nunca máis!!!

Ligazóns

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal