Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / A Alianza Rural Galega rexeita unha nova Lei do Solo que...

28-01-2014

A Alianza Rural Galega rexeita unha nova Lei do Solo que considera residual ao 90% do rural galego

Unha proposta de costas á realidade galega

Para as organizacións que integramos a Alianza Rural Galega o rascuño de nova Lei do Solo non foi redactado para favorecer o máximo consenso social e político a prol dun ordeamento respectuoso co territorio. Ben ao contrario, no canto de planificar un ordeamento territorial sustentánbel, a proposta supón unha importante regresión con respeito ao actual marco normativo (Lei 9/2002).

Carece dunha perspectiva integral, está excesivamente sesgada cara os aspectos urbanísticos minorando outros usos do territorio e consagra a desprotección e desvalorización do solo rústico.

Ninguneo e degradación do chan rústico

Non é casual que para o PP, unha parte moi representativa do noso territorio, superior ao 90% -o solo rústico-, na que coexisten multiplicidade de usos produtivos e un importante patromonio rural (ambiental, cultural, económico e social) como recoñece a vixente Lei 9/2002, sexa algo “residual”.

Porta aberta a minas, cultivos enerxéticos e especulación urbanística

A desvalorización interesada do solo rústico común sitúa nun mesmo plano a determinados usos do territorio que non teñen a mesma repersusión sobre o medio e os seus habitantes. Por exemplo, os aproveitamentos mineiros no chan rústico fican ao mesmo nível que os usos agrogandeiros e forestais, obviando a función social, fixadora de poboación, de conservación do patrimonio natural e cultural así como de mantemento da soberanía alimentar que estes desenvolven.

E a respeito dos usos construtivos, a nova lei permite a desclasificación arbitraria do chan rústico común, coa excusa dun “desenvolvemento urbanístico racional”, suprimindo as cautelas que até o de agora fixaba a lei 9/2002. Ábrese deste xeito a porta a consagrar por lei a discrecionalidade e de repetir, agora con todos os parabéns legais, os despropósitos perpetrados durante os anos da burbulla inmobiliaria.

Ligazóns

Descargas

Revista CERNA
Travesa de Basquiños, nº 9 baixo. 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal