Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

12/05/2023   [00:10:00]   [7.10 MB]

Boletín informativo ambiental 12/05/23

Comezan a aparecer publicadas no DOG as primeiras resolucións das 75 autorizacións de proxectos eólicos, outorgadas o pasado mes de abril pola Xunta. Os parques eólico Rodicio II e Monte da Croa xa están en tempo de desconto para a presentación de recursos contra ditas autorizacións. ADEGA anuncia que nos próximos días iniciará unha campaña de recadación solidaria para poder afrontar os recursos xudiciais contra varios destes proxectos, que considera antiecolóxicos, especulativos e socialmente inxustos. No mar, o Tribunal Supremo admite o recursos dos mariñeiros contra os plans de  ordenación dos espazos mariños do Estado, que son os que marcan onde colocar a eólica mariña. Mentres a ministra Ribera defende a compatibilidade dos eólicos mariños coa pesca, os demais grupos do Congreso retíranlle o apoio. Isto é só o comezo. Coñece máis novas da semana escoitando este programa de Radio Cerna.

05/05/2023   [00:10:00]   [6.32 MB]

Boletín informativo ambiental 05/05/23

ADEGA anuncia unha batería de recursos xudiciais contra a aprobación exprés de 75 macroproxectos eólicos por parte da Xunta que teñan un especial impacto sobre o patrimonio natural e cultural e adianta que porá a andar unha campaña de recadación colectiva para tal fin. Nesta semana tamén denunciu máis dunha ducia de plantacións ilegais de eucalipto na Serra do Xistral en zona de ampliación da Rede Natura e con hábitats prioritarios. A seca pon en garda aos profesionais de prevención dos lumes forestais, que seguen pedindo ser incorporados a tarefas de prevención durante todo o ano, cando está en marcha o anteproxecto dunha nova lei de incendios. Escoitarás en detalle estas e outras novas da semana, aquí en Radio Cerna!

21/04/2023   [00:10:00]   [6.33 MB]

Boletín informativo ambiental 21/04/23

Este domingo 23 de abril, a Coordinadora Eólica Así Non acordoará a Xunta de Galicia, en San Caetano, Santiago de Compostela, para esixir ao goberno galego que denegue máis de 75 proxectos eólicos cuxa data de autorización vence a vindeira semana. De aprobarse esta enxurrada de parques eólicos, sen unha planificación con fins sociais e ambientais, os danos poderían ser irreversíbeis, advirte a organización. Moitas da plataformas locais afectadas pola invasión eólica xa se están preparando para o que se aveciña e anuncian accións xudiciais. Doutra banda, o Ministerio tomba os proxectos eólicos Barxas e Prada que pretendía colocar 53 aeroxeradores nas montañas do Courel, O Bierzo e Pena Trevinca. Estas e outras novas, no boletín informativo de Cerna!

14/04/2023   [00:10:00]   [6.33 MB]

Boletín informativo ambiental 14/04/23

Esta semana anunciouse o primeiro proxecto de eólica mariña transfronteirizo do sur de Europa, entre Galiza e Portugal, cunha potencia de instalación de 2 GW. e 530 km2 de superficie ocupada. A eólica mariña está aparecendo con forza fronte a un sector pesqueiro moi preocupado. A Xunta presentou tamén nestes días a súa estratexida de mobilidade, a cal non contempla a necesidade de reducir desprazamentos nin distancias e ADEGA enfoca esforzos na defensa do Val do río Rato en Lugo e pon a disposición un modelo de alegacións para presentar antes do vindeiro martes 18. E mañá sábado, celebra a súa 47ª Asemblea Xeral na cidade romana, na que entregar os premios osíxeno e dioxina 2022.

30/03/2023   [00:10:00]   [6.57 MB]

Boletín informativo ambiental 31/03/23

A primeira vaga incendiaria de 2023 tivo lugar esta semana na provincia de Lugo. Baleira, A Fonsgrada e Ribeira de Piquín foron os municipios máis afectados, chegando a calcinarse xa 1500 hectáreas. Este gran lume prodúcese antes de que a Xunta teña aprobado o Pladiga deste ano e co 50% das brigadas inoperativas. ADEGA denunciou á Xunta por eliminar a través de rozas de prevención de incendios un monte de carballo anano, especie vulnerable e incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e ademais nun espazo natural protexido como Rede Natura, no Monte Pindo. No eido enerxético, Eólica Así Non convoca nova mobilización para o 23 de abril, e comeza o pingar de autorizacións de proxectos eólicos.

24/03/2023   [00:10:00]   [6.54 MB]

Boletín informativo ambiental 24/03/23

A Coordinadora Eólica Así Non convoca unha nova mobilización galega para o domingo 23 de abril, contra o actual modelo depredador e especulativo da enerxía eólica. O acto convida a "rodear" a Xunta literalmente, facendo unha cadea humana ao redor do edifico de San Caetano, en Santiago de Compostela. Doutra banda, o presidenta Rueda muda de idea e agora si que contempla a creación dunha empresa público-privada para participar en proxectos de enerxías renovables para "que os beneficios das enerxías renovables e minaría revirtan na sociedade galega". E esta semana publicáronse novos datos do panel de expertos sobre cambio climático. Escoita integramente este boletín informativo, dándolle ao "play".

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal