ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / O concello de Allariz pon en marcha 24 áreas de...

19-04-2016

O concello de Allariz pon en marcha 24 áreas de compostaxe comunitaria para darlle servizo a toda a vila

O obxectivo é acadar taxas de reciclaxe do 80% para o que é preciso reciclar a materia orgánica, que supón o 42% da nosa bolsa de lixo. O concello puxo en marcha un proxecto integral de compostaxe baseado no principio de proximidade, é dicir, na compostaxe caseira e comunitaria.
Nas zonas rurais repartíronse composteiros individuais para que cada cidadán/á trate os residuos orgánicos na súa casa, como se fixo sempre, transformándoos nun abono de calidade que é usado na propia horta ou xardín pechando así o ciclo da materia orgánica.
Nas zonas urbanas instaláronse 24 illas de compostaxe comunitaria, e deste xeito, a xente que vive no casco histórico ou nos pisos tamén teñen tamén a posibilidade de compostar os seus residuos orgánicos.

As illas de compostaxe e a recollida porta a porta

O funcionamento destas áreas é simple: a veciñanza soamente ten que separar na casa os restos orgánicos, restos tanto cociñados como sen cociñar, e levalos a estas illas, depositalos no interior dos composteiros e cubrir con restos de poda triturada (estruturante).
Logo persoal do concello encargase de acondicionar os composteiros engadindo máis estruturante, se é preciso,  e remexer para que o proceso funcione correctamente.

As illas de compostaxe fóronse abrindo de xeito controlado, repartindo ao mesmo tempo un caldeiro para separar na vivenda, un folleto e unha explicación do proxecto porta a porta. Dende ADEGA podemos dicir que a aceptación entre a poboación é moi boa e a participación alta.

Ademais vén de poñerse en marcha a máquina de tratamento de materia orgánica no parque empresarial de Chorente, que recollerá a materia orgánica do programa "porta a porta" para grandes produtores. 

Por último e non menos importante é a participación do colexio Padre Feijoo no proxecto. Organizamos un curso de xestión de residuos e compostaxe para o profesorado e de xeito paralelo o alumnado realizou unha ecoauditoria de residuos no colexio, e comezaron a usar o seu propio composteiro. Os residuos do comedor tamén son xestionados mediante a compostaxe nas illas de comunitaria. Para o vindeiro 3 de maio ADEGA realizará un obradoiro no Padre Feijóo para reforzar a compostaxe e a separación de residuos.

Neste proxecto ademais de ADEGA tamén participan sa universidades de A Coruña e Vigo e conta con financiamento externo através do plan provincial 2015, da Consellería de Industria e, através do Ministerio de Medio Ambiente, do programa PIMA que se desenvolverá ao longo de 2016.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal