ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A Bandeira Azul non é sinónimo de litoral ben...

16-05-2017

A Bandeira Azul non é sinónimo de litoral ben conservado

As praias non son parques urbanos, e a boa conservación dos ecosistemas naturais pouco ten a ver coa calidade sanitaria e os servizos, e moito menos coa masificación que a miúdo provoca a concesión deste "galardón".
Este 2017, a FEE (Fundación de Educación Ambiental) através da súa filial española ADEAC (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor) concedeu 113 bandeiras azuis a praias no litoral galego, alén de 18 portos deportivos e 28 "sendeiros azuis".

Para moita xente, usuari@s e administracións, este símbolo converteuse en sinónimo de calidade ambiental e de litoral ben conservado. Porén, ningún colectivo ambientalista apoia este distintivo, e dende 1999 tampouco o fai a UE. Cada vez máis concellos rexeitan pedir a Bandeira Azul porque obriga a "humanizar" e "urbanizar" praias virxes, cos custos económicos e ambientais que isto conleva. A propia ADEAC aclara: Ocasionalmente pode acontecer que a fraxilidade de certos espazos naturais non aconselle a concesión deste tipo de galardón, xa que a chegada dun número maior de visitantes podería poñer en perigo a fauna e flora ou os hábitats (por exemplo, ao utilizar espazos naturais para a ubicación de instalacións e servizos, a construción de zonas de aparcadoiro accesos, etc.).

Ainda que dende 1999 cando a CE chamou a atención sobre o "escaso rigor" dos criterios de concesión das bandeiras azuis, estes requerimentos tornáronse máis estritos, a Bandeira Azul está lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado. Acontece que monitorízase principalmente a calidade das augas e os servizos da praia, e só durante a tempada de baño. Durante o resto do ano, cuestións tan importantes como o estado das dunas e orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras, non son  considerados criterios imperativos de cara á concesión do distintivo. Tampouco é obrigatorio analizsar a capacidade de carga do ecosistema costeiro con estudos de impacto ambiental, para evitar as consecuencias da masificación.

Por outra banda, misturar as praias (entornos naturais) cos portos deportivos (infraestruturas) nun mesmo distintivo, deixa claro a vocación de marca comercial da bandeira azul. Os portos deportivos son o paradigma da destrución do litoral por un uso turístico restritivo, aos que se lles quer dar un verniz "sustentábel" empoleirándolles unha Bandeira Azul.

A función deste distintivo non é conservar os valores naturais das praias, polo que a cidadanía non debería trabucarse: a Bandeira Azul, non é garantía dun litoral ecolóxico, natural e ben conservado. É unha marca publicitaria, un produto comercial deseñado para amortecer os impactos do turismo de masas en litorais intensamente humanizados. O verdadeiramente grave é que moitos concellos, para conseguir unha Bandeira Azul, inician actuacións que degradan a calidade ambiental de espazos litorais virxes ou escasamente humanizados.

Dende ADEGA queremos chamar a atención da cidadanía para que relativicen a importancia das Bandeiras Azuis. Unha cousa é dotar ás praias turísticas cos servizos e garantías hixiénicas axeitadas, e outra preservar os valores ecolóxicos do litoral promovendo a conservación de espazos o menos humanizados posíbel. Moitos concellos exiben praias "limpas" e con bandeira azul pero teñen unha conciencia ambiental moi suxa (falta de depuración, urbanismo depredador...). Coa Bandeira Azul, coma con calquera outro produto, hai que prestar moita atención a letra pequena!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal