ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Por fin, comezan as obras de desmonte do dique...

02-11-2016

Por fin, comezan as obras de desmonte do dique ilegal do río Miño denunciado por ADEGA

Ante o inicio das obras de retirada da ataguía ilegal executada por INCA nas Saamasas, dentro do leito fluvial do río, a plataforma “Lugo de Cara ao Miño”, da que forma parte ADEGA, manifesta a súa satisfacción por que finalmente se faga xustiza e se repare a ilegalidade que durante un ano estivo sufrindo un dos espazos naturais máis protexidos e valiosos de todo o municipio. A resolución firme do Ministerio do expediente sancionador incoado en novembro do ano pasado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil que obriga a reparar o dano exercido neste espazo natural de Rede Natura vén a dar a razón a esta plataforma que, desde a súa constitución, denunciou ante os diversos organismos administrativos e a opinión pública que este dique era ilegal por non estar contemplado no Proxecto hidroeléctrico da Fábrica da Luz, incumprir a Declaración de Impacto, e non ter a autorización previa da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Pese ás difamacións públicas, acusacións infundadas e demandas que ao longo destes case 12 meses tiveron que soportar esta plataforma e os seus membros por parte da empresa INCA por ter denunciado esta ilegalidade manifesta, “Lugo de Cara ao Miño” está convencida de que o esforzo pagou a pena e aplaude que a ataguía ilegal estea próxima a desaparecer de onde nunca debeu ser construída.

Deste a plataforma estamos convencidas de que se non fose pola tenacidade e a resistencia que a cidadanía de Lugo demostrou a prol da defensa deste espazo natural protexido e do río, a ilegalidade xa estaría consolidade ou a ataguía seguiría aínda ocupando o leito do río Miño. Por iso, “Lugo de Cara ao Miño” quere agradecer o esforzo, traballo e apoio de todas aquelas persoas e colectivos que desde o comezo confiaron e respaldaron as súas reivindicacións e priorizaron, por riba dos intereses particulares e privados, a defensa do río Miño, do espazo natural protexido e dos seus valores naturais.

Un paso máis que debe de dar o Concello de Lugo

Valoramos tamén de forma positiva que o Concello de Lugo asumise o mandato do Ministerio e non puxese atrancos na resolución do problema, que poderían incrementar a afección ambiental, o risco na seguridade do río e das persoas e o importe da multa a pagar por todos os veciños e veciñas.  

Sen embargo, cremos que a responsabilidade do  Concello de Lugo, como promotor deste Proxecto e como principal valedor dos nosos intereses como cidade, non remata aquí. O goberno local debe dar un paso aínda máis adiante no camiño cara a defensa dos nosos bens públicos fronte os agravios que poden seguir sufrindo a causa da explotación privada da Fábrica da Luz. No sucesivo, o Concello debe evitar que este Proxecto, a todas luces agresivo para o Miño e inviable, acabe hipotecando o erario público de todos e todas as lucenses e sacrificando o espazo ambientalmente máis relevante de todo o municipio nos vindeiros 38 anos, período polo que lle adxudicou a INCA a explotación da fábrica da Luz. É por iso que a plataforma “Lugo de Cara ao Miño” insta ao Concello a dispoñer todas as medidas xurídicas necesarias para evitar que toda a repercusión económica do dano ambiental e patrimonial creado no río recaía sobre as arcas municipais e, especialmente, que avalíe de forma inmediata e rigorosa a posible rescisión do contrato coa empresa adxudicataria INCA para recuperar, posteriormente, a concesión da Fábrica da Luz para a xestión pública municipal.

Co obxectivo de facer chegar de forma directa ao Concello de Lugo esta petición e as nosas inquedanzas con respecto ao futuro do Proxecto de explotación hidroeléctrica da Fábrica da Luz, “Lugo de Cara ao Miño” solicitou a finais de setembro unha entrevista coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que actualmente está á agarda de ser respostada.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal