ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A CHMS propón que o Concello de Lugo retire o...

03-06-2016

A CHMS propón que o Concello de Lugo retire o dique ilegal do Miño e que pague unha multa

Dique ilegal

ADEGA vén de recibir notificación sobre a proposta de resolución do expediente sancionador que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ten aberto contra o Concello de Lugo e a empresa INCA, pola construción o pasado novembro dun dique no leito do río Miño, no parque das Saamasas, sen a preceptiva autorización deste organismo e en contra do que dita a Declaración de Impacto Ambiental. Esta proposta de resolución xa foi remitida ao Ministerio de Medio Ambiente, encargado de pronunciar unha resolución definitiva ao respecto, por tratarse dunha infracción tipificada de carácter grave.

Neste documento, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil culpabiliza ao Concello de Lugo das obras ilegais sobre o río Miño e suxírelle ao Ministerio que lle impoña unha multa de 180.287,28€ e lle obrigue a retirar o dique ilegal en 15 días, desde que comece a época de estiaxe do río Miño. Así mesmo, a Confederación exime de toda culpa á empresa INCA Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.A., executora das obras, “posto que é o Concello de Lugo é o que está obrigado a que, se a execución da concesión se realiza por un terceiro, teña que vixilar que aquel cumpre coa mesma”, segundo relata o instrutor da proposta.

Satisfacción, pero non total

Membros de ADEGA e da plataforma

Desde ADEGA e da Plataforma “Lugo de cara ao Miño” emitimos a nosa valoración desta proposta hoxe en rolda de prensa. Consideramos un trunfo da cidadanía que finalmente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil veña a constatar, a través desta proposta de resolución, a ilegalidade das obras denunciadas e  que ademais avale a nosa petición de reparación dos danos e retirada do dique ilegal do leito do río Miño en canto as condicións de estiaxe o permitan. Debemos destacar que case todas as alegacións presentadas por ADEGA, no seu nome e no da plataforma, dentro deste expediente sancionador foron admitidas polo Organismo de Bacía, especialmente, aquelas referidas á inexistencia do dique no Estudo de Impacto Ambiental, na Declaración de Impacto e no Proxecto de Rehabilitación; ao inicio dos traballos sen as autorizacións precisas; á alteración das características construtivas da ataguía ou á que estas obras constitúen unha modificación substancial do proxecto, e non unha pequena variación. De feito, estas obras terían que ter pasado por  un procedemento de avaliación de impacto ambiental por afectaren a un espazo natural protexido como Rede Natura 2000.

Por tanto, a proposta da CHMS parécenos satisfactoria polos motivos xa esgrimidos, pero, sen embargo, non a compartimos na súa totalidade. Consideramos inxusto e reprobable que de novo teña que ser a veciñanza de Lugo a que pague, a través das arcas municipais e do sacrificio dos nosos bens públicos patrimoniais ou naturais, as infraccións ou ilegalidades acometidas por outros, ben sexa polo goberno municipal ou pola empresa executora. Ademais, hai que ter en conta que foi a protesta das veciñas e veciños de Lugo e a condena pública dos feitos as que obrigaron á Confederación Hidrográfica a actuar na comprobación da legalidade das obras. De non térmonos mobilizado, probablemente estas obras ilegais pasarían desapercibidas para a Confederación Hidrográfica e xa estarían consumadas.

E consideramos igualmente escandaloso e reprobable que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil exonere de toda culpa á empresa INCA. Como parte actora e executora das obras no leito do río Miño, nun espazo natural protexido e sen as debidas autorizacións, tamén se lle atribúen obrigas e responsabilidades que debe cumprir, non só diante do titular concesional, o Concello de Lugo, senón tamén diante do órgano ambiental, o Ministerio de Medio Ambiente, e do órgano responsable de velar polo bo estado da bacía fluvial afectada, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

O Concello retirará o dique, pero recorrerá a resolución

Pouco despois de ter coñecemento da proposta de resolución que fai a CHMS con respecto ao dique ilegal, a plataforma “Lugo de cara a o Miño” reuniuse co concelleiro de medio ambiente de Lugo, Daniel Piñeiro, para demandarlle que o dique sexa retirado canto antes do leito fluvial, se finalmente o Ministerio de Medio Ambiente ratifica a proposta de resolución da CHMS. O concelleiro manifestou o seu compromiso de acatar a orde de retirada do dique se o Ministerio así llo demanda, co gallo de evitar que o río siga sufrindo o impacto destas obras ilegais, pero tamén anunciou que recorrerá á resolución do Ministerio se este segue eximindo á empresa INCA de responder ante a devandita infracción.

ADEGA e Lugo de Cara ao Miño volven instar ao Ministerio para que emita con celeridade unha resolución firme co obxectivo de reparar o dano antes de que remate a época de estiaxe do río, evitando así a permanencia do dique ilegal como mínimo por outro ano máis no espazo natural afectado.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal