ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Mentiras e escurantismo da Xunta no desecamento...

10-09-2013

Mentiras e escurantismo da Xunta no desecamento da lagoa da Frouxeira

O Valedor destapa as escusas de mal pagador da Xunta

ADEGA vén de coñecer por medio do Valedor do Pobo, ao que pedimos amparo para acceder ao Plano de Conservación da Frouxeira reiteradamente ocultado pola Xunta, que as "intervencións" feitas dende 2009 neste espazo non atenderon a Plano de Conservación algún.

Di a Xunta en resposta aos requerimentos do Valedor, que non pode subministrar o documento a ADEGA por ser aínda "obxecto de traballo activo" e estar "en elaboración". Dende ADEGA preguntámonos xa que logo a que atenderon pois as últimas actuacións na Frouxeira o inverno pasado, e que consistiron na drenaxe da lagoa con maquinaria pesada? Que hai do acordo unánime do Parlamento Galego en 2009 e que instaba á Xunta a "non autorizar con carácter cautelar novas aperturas da lagoa" sen aprobar un Plano de Conservación para o espazo?

A Xunta non pode dicir agora que o documento está en elaboración cando as últimas actuacións de baleirado acometidas en 2012 neste humidal de importancia internacional, con 5 figuras de protección, foron comunicadas e autorizadas pola Xunta atendendo a este Plano.

ADEGA vai achegar ao Valedor e á Fiscalía ambiental do TSXG documentación remitida polo Servizo de Conservación da Coruña ao concello de Valdoviño e á Demarcación de Costas xustificando as accións de drenaxe consonte o devandito e inexistente Plano de Conservación. Se está en elaboración, como é posíbel que se estea a aplicar? E se xa se está a aplicar, onde fica aprobado e como é posíbel que non se queira facer público?

En ADEGA estamos certos que a Xunta improvisou na Frouxeira e meteu as escavadoras pasando por riba das recomendacións do Parlamento e de toda a lexislación ambiental galega, estatal, europea e internacional (a zona é tamén ZEPVN, humidal protexido, humidal sensíbel, LIC, ZEPA, e Ramsar).

Os responsábeis desta chafallada e do estado actual da lagoa, convertida nun deserto, teñen nomes e apelidos: Son o dimitido director xeral de conservación Sr. García-Borregón, responsábel tamén do exterminio do lobo no Barbanza e o xefe do servizo provincial de conservación Sr. Carlos Muñoz, denunciado pola Fiscalía no caso do dragado ilegal da ría de Ferrol.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal