ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA alerta sobre o impacto ambiental e na saúde...

07-11-2014

ADEGA alerta sobre o impacto ambiental e na saúde da gasolineira de Carrefour de Lugo

A mesa redonda estivo formada por membros de ADEGA e da Plataforma Miño Si, Gasolineira Non

ADEGA celebrou antonte, coa colaboración da “Plataforma Miño SI, Gasolineira NON” e da USC, unha mesa redonda na Casa do Saber de Lugo, a que se puxo de relevo o impacto ambiental e na saúde das persoas que suporía a instalación dunha gasolineira nas inmediacións do centro comercial de Carrefour, a escasos 70 metros do río Miño.

Adela Figueroa, bióloga e vicepresidenta de ADEGA-Lugo asegurou que a cidade de Lugo aínda “non aprendeu a convivir co río” e insta ao concello lugués a retirar a licenza municipal que autoriza as obras  da estación de servizo por seren innecesarias, insensatas, e fortemente perigosas tanto para a saúde dos veciños e veciñas como para o ambiente, en xeral, e o río Miño, en concreto. Alertou sobre o elevado risco dun hipotético vertido de hidrocarburos que afectarían de maneira irremedidable aos organismos acuáticos e a toda a cadea trófica, chegando ás persoas. “Ninguén pode garantir que non haxa filtracións”, engadiu a bióloga, “ nin a propia empresa, que en ningún momento fala de risco cero no proxecto”. O risco é aínda máis alto se temos en conta a distancia dos depósitos de combustible ás augas do río, tan só uns 70 metros.

ADEGA lembra que as gasolineiras non se deben colocar preto dos recursos acuáticos porque está considerada por lei unha actividade contaminante e perigosa. Ao mesmo tempo resalta as figuras de protección ambiental coas que conta a zona afectada. Atópase dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e no Lugar de Interese Comunitario Parga-Ladra-Támoga, en Rede Natura. O proxecto contravén, por tanto, a Directiva Hábitat e a Directiva Marco da Auga, e contradí a filosofía do esquecido Plan de Protección Especial do Río Miño (PEPRIM) e da Axenda 21 local aprobada polo concello.

A plataforma insta aos lucenses a rexeitar esta obra perigosa para o interese xeral

Pola súa banda, Lois Toirán de ADEGA, fixo un repaso histórico sobre os asaltos que as administracións públicas teñen permitido sobre o río Miño, ao seu paso por Lugo. Entre outros, lembrou o caso de Carrefour (antigo Continente), a Feira de Pazos e Exposicións, que están ás beiras mesmo do río; ou do propio Plan de Ordenación municipal no que se oculta a cartografía de centos de quilómetros de cursos fluviais. Toirán tildou de irresponsable o equipo de goberno do concello de Lugo por autorizar esta instalación a todas luces perigosa para o conxunto dos cidadáns.  Tamén dirixiu fortes críticas á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, competente na xestión do río, por actuar pasivamente ante este feito que atenta directamente contra a saúde do efluente.

Na mesa redonda organizada por ADEGA tamén participaron Valentín Arias e X.Manuel Carballo en presentación dos veciños e veciñas afectados, e Felipe Rivas como voceiro da “Plataforma Miño Si, gasolineira NON”. Todos eles expresaron un sentimento de grande indignación ante o proxecto de Carrefour pero, sobre todo, ante a irresponsabilidade do goberno municipal, autonómico e da Confederación Hidrográfica. Animan a todos os cidadáns de Lugo a manifestarse en contra da gasolineira ás beiras do Miño e anuncian accións inmediatas contra este proxecto que vén de iniciar as obras.

Poderanse seguir todas estas actuacións a través da páxina Facebook da Plataforma.

A gasolineira estaría situada a 70 metros do río, polo que as consecuencias dun posible vertido de hidrocarburos poderían ser nefastas para a cidade

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal