ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA esixe a paralización da tala das árbores do...

24-02-2014

ADEGA esixe a paralización da tala das árbores do Malecón de Sarria e solidarízase coa veciñanza

A CHMS e o concello de Sarria están empeñados en desatender a vontade popular

Manifestación na defensa do río Sarria

ADEGA demanda a paralización inmediata da tala das árbores do Malecón e  solidarízase cos veciños e veciñas de Sarria que hoxe defenderon estes exemplares encadeándose a eles. A tala está promovida pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, co visto bo do Concello, dentro do desenvolvemento do polémico proxecto de encauzamento do río que leva o nome da localidade.

O feito trancorre un día despois de que a Plataforma sarriana polo Río conseguise reunir un milleiro de persoas nunha exitosa manifestación na defensa do río e en contra do proxecto de encauzamento. Nesta concentración, onde se anunciaban novas mobilizacións se as administración non atendían as súas reclamas, os veciños demandaron ao concello e á confederación diálogo e consenso na busca dunha solución fronte as inundacións. Pero tanto a Confederación Hidrográfica como o Concello responderon da peor maneira. A confederación dispuxo hoxe a tala das 178 árbores autóctonas do Malecón que constitúen o pulmón verde da vila. Esta actuación, segundo o proxecto, precederá ao derrubo de pontes, mesmo medievais e á afectacións bens patrimoniais de valor histórico.






Os veciños de Sarria levan horas encadeados ás árbores

Desde ADEGA pensamos que é unha vergoña que teñan que ser de novo os cidadáns, suplindo a función das administracións públicas, os que defendan, mesmo poñendo en risco a súa integridade física, os bens que son de todos e todas. Mentres, tanto o concello de Sarria como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, non só desatenden, senón que pasan por riba da vontade popular dos veciños e veciñas de Sarria, que só pretende defender os valores ambientais e patrimoniais da vila.

Desde a fase inicial da elaboración deste proxecto, ADEGA opúxose á súa execución polo impacto que supuña para o patrimonio natural e cultural da localidade e por non ofrecer unha solución definitiva á problemática das enchentes. No seu día, ADEGA ten presentado alegacións a este irracional proxecto e acudiu ás chamadas dos veciños reunidos na Plataforma Sarriana polo Río que están a pedir unha moratoria dos traballos a realizar e unha revisión profunda de todo o proxecto para evitar consecuencias indesexadas desde o punto de vista social, económico e ambiental.






ADEGA asistiu á manifestación da Plataforma sarriana polo Río

Alén disto, debemos recordar que se está a incumprir o propio proxecto de encauzamento que prevía a realización destas obras en época estival para minimizar o impacto sobre o cauce fluvial e os riscos de inundación.  

Desde ADEGA preguntámonos cales poden ser os intereses tanto da Confederación Hidrográfica Miño-Sil como do concello para apurar as obras e mostrar tal indiferenza ao clamor veciñal de información e revisión do proxecto. Ante esta desfeita, non nos queda máis que repudiar a actuación autoritaria e irresponsable da CHMS e do concello, pedir a paralización inmediata da tala e felicitar aos veciños que tratan de impedir a corta das árbores, demostrando unha gran valentía e determinación na defensa dos bens públicos e de todos.


ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal