ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta e o concello das Pontes teiman en que...

12-12-2019

A Xunta e o concello das Pontes teiman en que ENDESA siga a contaminar

Un artigo de Ramón Varela, ex-presidente de ADEGA

Galiza soporta unha contaminación moi por riba do que lle cadraría por superficie xeográfica, poboación, grao de industrialización.... Mentres, outras partes do Estado son privilexiadas porque sen ter que aturar a contaminación no seu territorio, consomen a electricidade.

As térmicas de carbón en Galiza emitían en 2018 máis de 10 millóns de toneladas de GEIs (Gases de Efecto Invernadoiro). Só a central térmica de carbón de As Pontes, a industria máis contaminante de Galiza e a primeira do Estado, emitía 7,94 millóns de t, e a de Meirama 2,24 millóns de t. Mentres no Estado Español a xeración eléctrica é responsábel de menos do 18% das emisións globais de GEI, aquí as térmicas representan o 33% do total das emisións con notable impacto no medio ambiente e na saúde.  
Estes xigantes en contaminación non so emiten CO2 e GEI senón que tamén vomitan a atmosfera gases acidificantes que orixinan choiva ácida (máis da metade do dióxido de xofre que se emite), e outros gases e partículas que directa ou indirectamente prexudican ao entorno e a saúde (a terceira parte do total galego en mercurio, partículas PM10, óxidos de nitróxeno... ) e á vez colaboran na destrución da capa de ozono.

A Xunta teima en que ENDESA siga queimando custe o que custe

Hoxe as eléctricas teñen alternativas económicas mellores que o carbón, de aí que a súa postura mudara: Naturgy decidiu pechar Meirama o ano próximo. ENDESA aínda que unicamente comunicou a “discontinuidade” de As Pontes, remitía á CNMV (Comisión Nacional do Mercado de Valores) a reestruturación completa do “mix” de xeración eléctrica no camiño cara a descarbonización total e anunciaba que “deixa a cero no 2022 a capacidade térmica de carbón peninsular", o que sonleva o futuro peche das Pontes sine die.
A Xunta criticou ao Goberno central por “non ser quen de tomar decisións que permitan o mantemento da central térmica” das Pontes, e defendeu a “reactivación” da térmica. A reacción da política oficial non se fixo esperar (non importa a cor): ENDESA viuse obrigada a realizar probas técnicas con mesturas de combustibles diversos para contentar á Xunta (PP), ao Concello de As Pontes (PSOE), á Deputación e aos traballadores que ven ameazados os postos de traballo. Estas probas foron realizadas mesturando carbón con outros combustibles, entre eles lamas secas de depuradoras. Estes materiais son moi problemáticos pola emisión asociada de metais pesados e contaminantes orgánicos á atmosfera, ademais de emitiren GEIs. Mais semella que o ensaio non tivo un resultado satisfactorio nin rendíbel para ENDESA, polo que considerou esta opción inviábel.
Porén, a Xunta teima en que sigan os "ensaios" tanto ten o que ali se queime, nen a contaminación que produza.

Que fixo a Xunta para que Galiza non fose discriminada?

En decembro do 2018 ENDESA anunciaba o peche das térmicas de carbón de Compostilla (Ponferrada) e Andorra (Teruel) e no 2019 “promove unha discontinuidade” en As Pontes (A Coruña). Mentres que as solicitudes de peche das dúas primeiras centrais ían da man duns planos de futuro que respectaban os postos de traballo (166 en Compostilla e 153 en Andorra), aquí descoñécese cal vai ser o futuro dos traballadores.
E con relación aos investimentos, despois do peche en Teruel,  ENDESA anunciou que vai instalar na zona até 1000 MW de nova capacidade fotovoltaica cun investimento de 800 millóns de euros; e en Ponferrada unha similar de 300 MW e 240 millóns de investimento.
No noso país, falta por coñecer o que ofrece ENDESA para As Pontes, pois aquí tamén sae o sol. Non seria mellor que a Xunta tivera esixido un Plano de Transición xusta a ENDESA, en troques de pedirlle que siga queimando non imposta que cousa?

A mentira do desabastecemento eléctrico e o cinismo climático da Xunta

O Presidente Feijóo afirmou que "As Pontes é necesaria para Galicia e para España” e que  “Galicia seria unha comunidade autónoma deficitaria en enerxía”. Isto é totalmente falso. Galicia ten fácil a alternativa ao carbón: que hai dos ciclos combinados a gas en Sabón e As Pontes que con 1.247 MW estaban a principios de ano practicamente apagados ou funcionando baixo mínimos? Agora poderían pasar a producir a pleno rendemento, co gas a un prezo máis baixo, maior eficiencia (57% fronte ao 33% do carbón) e menor contaminación (1/3). Os ciclos combinados a gas, permitirían producir practicamente a mesma electricidade que a que deixan de producir as térmicas de carbón logo do peche. E tampouco esquezamos que Galiza exporta o 34,8 % da electricidade que xerou no 2018, co que a produción das térmicas de carbón que van pechar non aporta nada á demanda eneléctrica galega, que ficaría cuberta (polas renovábeis, maiormente) mesmo sen o recurso do gas.

De que serve pois pronunciarse contra o cambio climático, puiblicitar estratexias e planos de acción, si á hora da verdade e cando hai posibilidades e oportunidade de facer algo efectivo, a Xunta pretende que as centrais sigan contaminando?

RAMÓN VARELA DÍAZ, ex-presidente de ADEGA e experto en contaminación ambiental

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal