ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A nova lei de montes desprotexe os montes e as...

24-07-2012

A nova lei de montes desprotexe os montes e as persoas contra os lumes forestais e a especulación

A nova lei de montes desprotexe os montes e as persoas contra os lumes forestais e a especulación

24 de xullo de 2012.- Onte saíu publicada no Diario Oficial de Galicia a nova Lei de montes de Galiza, que entrará en vigor no mes de agosto. ADEGA manifesta o seu pesar pola aprobación desta normativa que vai supoñer un importante retroceso para o desenvolvemento rural do noso país desde unha perspectiva integral, sostíbel e multifuncional.Para ADEGA esta normativa está feita por e para a industria forestal e enerxética, e non para os cidadáns, ademais de ser fortemente regresiva: rebaixa as distancias de seguridade contra os lumes forestais e incentiva de novo o monocultivo de plantas pirófitas, como o eucalipto e o piñeiro.

Un dos aspeitos máis graves desta nova lei é a modificación que, pola porta de atrás, fai da 3/2007 Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, a cal queda practicamente baleira de contido ao sufrir un total de 43 modificacións centrais. Sen unha base técnica que o xustifique, como indica o informe do Consello Económico e Social, diminúense as distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas (de 50 a 30 metros); redúcense os anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados (de 3 a 2 anos); elimínase o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 25 e 50 hectáreas continuas; ábrese de novo a posibilidade de forestar terras agrarias e desvíase cara os concellos parte das responsabilidades de control, entre outras medidas. Estes cambios normativos, xunto coas accións conxunturais, como os recortes en persoal de extinción e a ausencia de orzamentos para prevención, deixa os montes galegos e á propia cidadanía nunha elevada situación de risco, sobre todo nesta época estival, da que se poderían derivar lamentábeis consecuencias.

A nova lei de montes desprotexe os montes e as persoas contra os lumes forestais e a especulación

Ademais de desregular a protección contra os lumes forestais seguindo unha postura irracional e irresponsábel, a nova norma é fortemente regresiva e non se adapta á outras realidades do noso territorio. Pretende desmontar a protección do monte veciñal, introducir ferramentas especulativas ao gosto da gran industria forestal e enerxética e rebaixar a capacidade de intervención da Administración para deixar nas mans dos mercados a xestión do monte. Non é unha lei de carácter integral, pese a importancia do monte na vertebración social e territorial do país, ao faltar conexións con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Esquece aspectos novidosos para xestión do monte como a participación pública efectiva (máis aló do trámite de consulta), a custodia do territorio e a multifuncionalidade do monte (máis alá da forestal).

Tampouco aparecen temas fundamentais que deberían incorporarse na xestión do monte como os valores culturais, etnográficos, paisaxísticos, a restauración de terreos queimados, os vieiros ecolóxicos, a conservación dos hábitats e especies ameazadas ou a prevención de pragas e doenzas que están a proliferar nos nosos montes (gorgullo do eucalipto, nematodo do piñeiro, a pulga do carballo). Fican esquecidas e sen solución o abandono da xestión e a estrutura minifundista da propiedade, ao apostar por unha única ferramenta, as SOFOR (Sociedades de Fomento Forestal), das que non existe ningunha en funcionamento despois de máis de un ano da súa entrada en vigor.

Desde ADEGA apostamos polo futuro dos nosos montes que pasa por unha xestión sustentábel, integral, activa e participativa. A pesar da visión monofocal e anticuada desta nova lei, insistimos en que o rural ten futuro e a xestión sustentábel do monte é unha das chaves. Apostar polo noso rural non é unha opción, é unha obriga para quen nos represente en calquera das institucións democráticas. O contrario supón negar o noso pasado e pechar as opcións das xeracións futuras.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal