ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Demoledor informe de Agricultura contra a mina de...

22-02-2018

Demoledor informe de Agricultura contra a mina de ERIMSA en Mesía: a que agarda Industria para rexeitar o proxecto?

8 meses despois da emisión por parte de Medio Rural do informe preceitivo sobre o proxecto de mina de seixo en Mesía, e tras reiteradas peticións dende o Parlamento por parte do grupo do BNG, vimos de coñecer o contido deste informe. As conclusións son rotundas e demoledoras:

"...esta Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias non pode por máis que pronunciarse en contra do proxecto sinalado, ao considerar que os importantes efectos negativos que se causarían sobre a produción agrogandeira da zona, afectarían grandemente aos concellos de Mesía e Frades, por ser esta un piar fundamental da súa actividade económica, social e cultural, manténdose a dita afectación negativa no tempò tralo remate das actuacións.

É por elo que desde a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias rexeitamos o proxecto con rotundidade, e recomendamos que non se permita a realización dos traballos referidos."

Un proxecto cunha intensa afección territorial

A mina de seixo afectaría a 761 hectáreas nos concellos de Mesía e Frade. Todas as parcelas agrícolas afectadas pola pretendida explotación teñen a consideración de "zonas de especial interese agraroi", e moitas delas ademais están en ecolóxico (110 hectáreas). O CRAEGA (Consello regulador da agricultura ecolóxica de Galiza) xa advertira que o aproveitamento mineiro é incompatíbel cos estándares ecolóxicos, sendo causa da perda automática do selo ecolóxico.

A administración subliña tamén, como expresou a plataforma veciñal, os  grupos da oposición no concello e ADEGA, que o proxecto de restauración é "pouco concreto" e non da axeitada resposta a cuestións chave como a acidez do solo ou as necesidades de terra vexetal.
No seu momento subliñamos que nalgunhas parcelas xa explotadas pola empresa, 15 anos despois aínda están sen restaurar. E nas "restauradas" a produtividade agrícola descendeu notablemente, ficando practicamente improdutivas.

Desbaldimento de recursos e cartos públicos

A D. X. de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias tamén subliña que na sparcelas afectadas pola mina, algunhas das máis fértiles e produtivas de Galiza, investítonse millóns de € (20 millóns, só en Mesía) en concentracións parcelarias e outros 608.000€ en axudas ás industrias agroalimentarias e para a comercialización dos seus produtos. Todos estes investimentos ficarían derramados polo aproveitamento mineiro, a maoir gloria dos beneficios de ERIMSA, empresa norueguesa de capital chinés.

Un precedente que debería ter continuidade

Diante deste demoledor informe, ADEGA demanda da D. X. de Enerxía e Minas que denegue o proxecto de explotación de seixo de ERIMSA para a concesión "Xanceda 7138" e similares, nos concellos de Mesía e Frades..
Agardamos que tanto Medio Rural como outros departamentos autonómicos (Augas, Medio Ambiente, Patrimonio...) fagan o mesmo e informen negativamente sobre o outro proxecto mineiro, a mina de cobre de Touro-O Pino, que ameaza non só á comarca senón tamén á Ría de Arousa.
Lembramos que tanto o proxecto de Mesía como o de Touro, tramitáronse antes de que o PP aprobara a "Lei de Depredación", e os informes preceitivos dos distintos departamentos da Xunta son aínda determinantes. Portanto, as súas determinacións deben terse en conta nas resolucións. Porén, nada impide que estas empresas depredadoras, con concesións mineiras por ducias de anos, volten a presentar os seus proxectos nuns meses, o que xa implicará a súa tramitación "express" sen máis condicionantes que os que Industria decida.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal