ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Algo cheira a podre no Xallas: crónica das...

03-05-2017

Algo cheira a podre no Xallas: crónica das privilexiadas relacións entre a Xunta e Villar-Mir

A recente imputación de Villar-Mir polo presunto financiamento irregular do PP, pon o foco nas relacións entre a Xunta e o empresario, dono e señor do río Xallas. A súa é unha relación idílica salferida de prebendas, subvencións e resolucións administrativas sorprendentes... Sorprendentemente favorábeis ao empresario, que xa aparecía nos "papeis de Bárcenas" como doador de 530.000€ para financiar ao PP e agora vén de ser imputado na "operación Lezo".
Polo medio, a intención de Villar-Mir de segregar e vender o seu negocio hidroeléctrico en Galiza, nomeadamente as centrais no río Xallas.
A Xunta ten que autorizar a venda destes aproveitamentos hidroeléctricos, algúns dos cais deberan ter sido declarados caducos en 2009 e foron "indultados" por Feijóo, obviando tamén o seu brutal impacto ambiental...

Crónica da tramitación dos aproveitamentos hidroeléctricos do Xallas

-A tramitacion das últimas tres minicentrais que Villar-Mir construíu no Xallas comezou en 2000 cando Ferroatlántica presentou 3 novos proxectos de aproveitamentos hidroeléctricos, que unidos aos 4 xa esistentes en apenas 15 km de río, convertiron a esta bacía fluvial na máis intensamente explotada de Galiza-Costa.

-En 2002
Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formula as declaracións de efectos ambientais das centrais hidroeléctricas de Fervenza II (9 de abril de 2002), Ponte Olveira II (11 de abril de 2002) e Novo Castrelo (15 de abril de 2002). Os trámites fixéronse ao abeiro do Decreto galego 327/1991 de 4 de outubro, de declaración de efectos ambientais de proxectos (hoxe derrogado) e non do Decreto 442/1990 de 13 setembro de avaliación de impacto ambiental. Deste xeito a tramitación ambiental destas tres instalacións foi máis sinxela e os requerimentos dos estudos de efectos ambientais (que Ferroatlántica S.L. presentara xa en 2000), así como os condicionados ambientais emitidos pola administración foron menos rigorosos.

-O 8 de xaneiro de 2004 o organismo autónomo Augas de Galicia resolveu aprobar, para a bacía do Xallas, as modificacións concesionais que implicaban ampliacións de caudal de 32.000 l/s para aproveitamento hidroeléctrico de Fervenza; de 35.000l/s para o aproveitamento de Ponte Olveira e de 35.000 l/s para o de Castrelo, ampliacións destinadas a subministrar caudal aos novos aproveitamentos de Fervenza II, Ponte Olveira II e Novo Castrelo. Deste xeito o caudal detraído ao río Xallas por estes aproveitamentos incrementouse nun 200% aumentando a presión hidroeléctrica e a deterioración da calidade ecolóxica desta bacía, a máis intensamente explotada da demarcación de Galiza-Costa.

-En xuño de 2005, poucos días despois das eleccións galegas nas que o PP saíu da Xunta e co governo en funcións, o organismo autónomo Augas de Galiza aprobou os proxectos construtivos modificados dos aproveitamentos Fervenza II e Ponte Olveira II (21 de xuño) e Castrelo II –ou Novo Castrelo- (28 de xuño).

-Tras a entrada do governo bipartito a finais do verán de 2005, a consellaría de Medio Ambiente publica o Decreto 555/2005 de 10 de novembro, polo que se adoptan medidas provisionais en relación coa utilización do dominio público hidráulico. Estas medidas consistían basicamente na paralización da tramitación administrativa das solicitudes de aproveitamento hidroeléctrico até a revisión do Plano sectorial hidroeléctrico das bacías de Galiza-Costa. Excluíanse as concesións outorgadas con anterioridade á data deste decreto, como foi o caso das 3 de Villar-Mir no Xallas. O Decreto 555/2005 ficou derrogado polo PP através da disposición derrogatoria única do Decreto 1/2015, de 15 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galiza. Mentres, o Plano sectorial hidroeléctrico das bacías de Galiza-Costa aprobado por Fraga en 2001, segue en vigor malia a terse iniciado o trámite de revisión en 2009...

-En maio de 2006 Ferroatlántica, S.L. presentou os proxectos sectoriais de modificación dos aproveitamentos de Novo Castrelo (16 de maio), Ponte Olveira II e Fervenza II (22 de xuño).

-En xullo de 2007 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas publica as resolucións polas que se aproban e autorizan os proxectos de execución dos aproveitamentos hidroeléctricos de Ponte Olveira II (17 de xullo), Fervenza II (19 de xullo) e Novo Castrelo (20 de xullo). Nestas resolucións fíxase un prazo de 24 meses para a execución das obras a partires da datas das resolucións (31 de maio de 2007 para os tres aproveitamentos).

-En maio de 2009 venceu o prazo de dous anos dado en 2007 para a execución dos tres aproveitamentos no Xallas sen que as obras foran realizadas. Vencido este prazo e ante as informacións de que Ferroatlántica S.L. pretendía solicitar unha prórroga (cuestión da que non temos constancia documental, malia a ter solicitado formalmente a información en xullo de 2009) ADEGA solicitou en xuño de 2010 á Consellaría de Industria que iniciara os respeitivos expedientes de extinción por causa de caducidade dos títulos concesionais dado o incumprimento das cláusulas relativas aos prazos de execución das obras (artigo 66 do RDL 1/2001 polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas).

-O 30 de maio de 2012 publícanse as resolucións do Consello da Xunta de 2 de febreiro de 2012 polo que se aproban os proxectos sectoriais de modificación dos aproveitamentos hidroeléctricos no río Xallas, saltos de Ponte Olveira II, Fervenza II e Novo Castrelo. Estes proxectos deberían ter sido declarados caducos en 2009 por incumprimento dos prazos de execución...

-En 2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolve declarar a utilidade pública das instalacións de aproveitamento hidroeléctrico das centrais de Ponte Olveira II e Novo Castrelo (26 de xullo) e Fervenza II (23 de setembro). En 2014 comezan as obras dos tres novos aproveitamentos de Ferroatlántica S.L. no río Xallas, obras que tiñan previsto rematar en 2016.

-Finalmente a finais de 2016 Villa-Mir anuncia a intención de segregar e verder os seus aproveitamentos hidroeléctricos na Galiza, incluidas as minicentrais do Xallas. Esta venda debe ser autorizada pola Xunta. Alguén dubida que será así visto do escandaloso favoristismo amosado pola administración galega con Ferroatlántica ao longo destes 16 anos?

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal