ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA presenta un informe sobre a situación e o...

24-02-2017

ADEGA presenta un informe sobre a situación e o conflito do lobo en Galiza

ADEGA vén de elaborar un informe sobre a situación e a conflitividade do lobo en Galiza que desminte determinados supostos e crenzas falsas. Asemade, amosa o fracaso e a arbitrariedade dos chamados “controis poboacionais” e aponta solucións para desactivar o conflito. O informe foi redactado por Martiño Nercellas, biólogo e vogal de biodiversidade de ADEGA.

10 cuestións importantes para entender a problemática do lobo galego

1.      Nos últimos anos tense experimentando un incremento dun discurso antilobo ou lobófobo promovido interesadamente dende determinados sectores.

2.      O impacto económico calculado en base aos avisos por danos, sitúase arredor 0,035% do valor produtivo da cabana gandeira total estimada para Galiza. O incremento no número de avisos en  2016, puido ter máis a ver coa mellora no protocolo de recollida de avisos (servizo telefónico do 012), e polo efecto do incremento das axudas, que por un aumento real nos ataques.

3.     
Os controis poboacionais son contraproducentes e non adoitan cumprir co seu fin, mesmo poden empeorar a situación. A taxa de captura vén sendo de 1 lobo cada 4,4 controis, máis alto do que a priori se podería agardar. Na actualidade as autorizacións son tramitadas cunha dubidosa ou nula xustificación científica/técnica, e responden máis ben a decisións arbitrarias atendendo a determinados intereses.  A posibilidade de efectuar controis poboacionais debe ser unha medida de marcada excepcionalidade, rigorosamente xustificada, en atención a criterios científicos, e só cando quede demostrada a ineficacia das medidas preventivas e de sensibilización.

4.      O problema non radica no lobo e na súa poboación senón no fracaso en abordar responsablemente o conflito que xera no sector gandeiro. Un exemplo: o exceso de batidas para outras especies (máis de 35.000 solicitudes no 2016 para xabarís) presúmese coma un novo e importante factor de distorsión. As batidas poden estar a provocar unha maior presenza de fauna salvaxe nas zonas de seguridade existentes en áreas periurbanas, bordes de núcleos rurais e lindes das vías de comunicación, aumentando a conflitividade, aspecto este que non está a ser avaliado pola Administración.

5.      Existe un fracaso na política de axudas por danos, relacionado cunha baixa dotación económica e cos retrasos, que acumulan impagos por valor de 570.000€ dende 2010, calculado en base aos datos de avisos por danos. E hai que ter en conta que unha fracción de avisos non serían atribuíbeis ao lobo. Experiencias ao respecto indican que arredor dun 30% deses danos poden non deberse ao lobo, polo que as cantidades realmente imputábeis serían 438.461€. A isto engádese unha falta de transparencia na resolución dos expedientes, xa que non se publican datos sobre cantos dos avisos rexistrados son considerados coma negativos por lobo.

6.      Existe un fracaso na posta en marcha de medidas preventivas atendendo as múltiples recomendacións e manuais existentes. A prevención pasa por ser unha das chaves para a solución deste problema. Deben dispoñerse recursos e asistencia técnica ás explotacións con danos recorrentes para tratar o motivo da permeabilidade desas ganderías aos ataques do lobo.

7.      Unha boa combinación entre as medidas preventivas e o pago de danos de maneira áxil é a mellor ferramenta para acadar unha solución permanente e minorar a conflitividade social asociada ao lobo. As axudas deben ser xenerosas e manter certo criterio de flexibilidade para os casos de dúbidas, nas que apesar de que o lobo non sexa o principal sospeitoso exista unha compoñente de ataque procedente de cánido.

8.      É falsa a idea de que existe unha sobrepoboación de lobos, ou que os soltan, ou que existen lobicans ou lobos híbridos. Os estudos demostran que o lobo mantén unha tendencia ao estancamento poboacional dende os anos oitenta do pasado século. Os últimos censos non amosan un incremento da poboación de lobo, sendo a caza furtiva un factor importante de extracción, xa que de 200 a 300 lobos poden estar sendo abatidos anualmente.

9.      A achega artificial de comida aos lobos está contraindicado. Os datos coñecidos amosan un incremento de danos ás explotacións domésticas máis próximas aos lugares onde se sitúan os cebadeiros, ademais de supor un risco sanitario. Isto non impediría que as reses mortas da gandería extensiva, que pasta en semiliberdade no monte, fiquen in situ para a súa degradación, como xa se fai co gando cabalar. Neste senso, debería impulsarse a conservación e recuperación das greas de cabalos naqueles lugares onde existiron historicamente.

10.      A Administración debería adicar recursos para que a gandería extensiva redunde tamén nun beneficio para a conservación do lobo, achegando compensacións e vantaxes para as explotacións. A sociedade tamén debería contribuir á desactivación do conflito, demandando produtos de explotacións “amigas do lobo” e contribuíndo á revalorización destes recursos, cuxa maior demanda deixará máis valor engadido nas explotacións.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal