ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A mineira de San Fins denuncia a ADEGA por tomar...

21-02-2017

A mineira de San Fins denuncia a ADEGA por tomar mostras de augas contaminadas nos ´seus´ terreos

Puntos de mostraxe e resultado das analíticas das augas mineiras

Vimos de coñecer pola Garda Civil que "Tungsten San Finx SL" vai denunciar a un membro de ADEGA por ter accedido ao recinto mineiro e tomar mostras de augas contaminadas. Outra volta, e perante a falta de argumentos, imponse a estratexia do medo e de matar ao mensaxeiro...

Acontece que por maio do pasado ano ADEGA realizou unha mostraxe das augas residuais mineiras procedentes das minas de San Fins (Lousame) para ofrecer á cidadanía datos obxectivos sobre o grao de contaminación dos efluentes da mina.
Daquela, e perante a intención de "Tungsten San Finx SL" (grupo SACYR) de reanudar a actividade mineira, a empresa solicitara a Augas de Galiza permiso para verter ao dominio público 1 millón de m3 por ano de augas procedentes das galerías inundadas e das entulleiras.
Estas verteduras serían deitadas polo rego de San Fins (ou da Rabaceira) até a ría de Noia, podendo supoñer un perigo para o ecosistema da ría e a produtividade marisqueira.
No expediente da solicitude, análises da propia administración apontaban a alta carga de metais pesados das augas mineiras, mesmo 1,5km río abaixo da explotación.

En ADEGA quixemos contar con datos actualizados sobre o potencial contaminante destes efluentes e achegámonos até a explotación para tomar diversas mostras. Os resultados (ver ligazón) confirmaron a alta carga contaminante das augas mineiras, integrando o núcleo das alegacións que ADEGA presentou no procedemento e trasladou á cidadanía da comarca, preocupada polo posible impacto na ría.

Diante da avalancha de alegacións da veciñanza, colectivos sociais e políticos e por suposto de ADEGA e outras entidades ecoloxistas, a empresa pedíu a suspensión do procedemento por 3 meses para proceder a "novos estudos de tratabillidade e calculos hídricos e estruturais". Esta manobra de dilación supón xa un recoñecemento implícito de que o proxecto non reunía as debidas condicións nen cumpría coas garantías ambientais esixidas. Mais semella que en troques de revisar o seu chafalleiro proxecto, "Tungsten San Finx SL" adicouse a buscar elementos para amedrentar ás entidades que tentamos defender a saúde, o ambiente e o interese público.

A intimidación fronte aos datos e o dereito á información

Tomando mostras no extinto rego da Rabaceira

Só así podería interpretarse unha denuncia contra ADEGA por ter accedido ás "súas" instalacións sen permiso. Como reflectimos nas nosas alegacións, unha das mostras tomouse nas augas no defunto rego da Rabaceira que escoan da bocamina "Buenaventura", xusto a que presenta maior carga contaminante, con níveis de Cd (Cadmio, substancia prioritaria e altamente tóxica) que multiplicaban por 28 os máximos legais.
Segundo fontes da Garda Civil, a denuncia vai atinxir ao secretario executivo de ADEGA Fins Eirexas, asinante das alegacións, por ter entrado "en terreos privados sen permiso", armado cun medidor de pH e unha garrafa de plástico.
Á marxe do ridículo da denuncia, dende ADEGA preguntámonos dende cando está prohibido achegarse ao Dominio Público Hidráulico, e xa que estamos, onde están as medidas de contención e seguridade das minas San Fins, un recinto aberto ao que calquera pode acceder. Tamén queremos lembrar que o terreo da mina "Buenaventura" no que se tomou a mostra non é propiedade da empresa, senón que pertence á Comunidade de Montes de Silvarredonda. "Tungsten San Finx SL" é titular dunha concesión mineira, non dos regos nen dos terreos que explota, cunhas medidas de saúde ambiental e seguridade pública ben precarias.

A empresa faría ben en ocuparse de respostar ás graves deficiencias e riscos do seu proxecto en troques de denunciar a actividade de ADEGA en defensa da saúde, do ambiente e do dereito á información da cidadanía. E Augas de Galiza debería rematar xa coas medidas de graza para coa empresa e concluir o expediente resolvendo a denegación do perigoso proxecto de "Tungsten San Finx SL".

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal