ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As metástases de SOGAMA ameazan con inzar de...

04-10-2016

As metástases de SOGAMA ameazan con inzar de novos macro-vertedoiros o país

Primeiro Trazo, logo Ordes e agora Lousame. Os proxectos de vertedoiros "en B" agroman consonte mingua o espazo nos complexos de Cerceda e As Somozas. Desta volta, tócalle a Lousame: un vertedoiro para case 1 millón de toneladas de residuos, eufemisticamente chamado "Centro de gestión ambiental" pretende situarse ao carón da plamta de compostaxe do Barbanza, en Lousame.

Non é casual que consonte o espazo no macro-vertedoiro de SOGAMA en Cerceda vai minguando (en ADEGA calculamos que dende 1996 amoréanse xa na Areosa preto de 5 millóns de toneladas de lixo), aumenta a necesidade de novas ubicacións para seguir soterrando os residuos. Xa hai varias destas "franquicias" funcionando dende hai anos, como os grandes vertedorios de Sobrado e Silleda, e unha manchea de pequenas instalacións máis ou menos camufladas como depósitos de RCD (residuos da construción e demolición), proxectos de "valorización" ou de "rexeneración" de canteiras.
O mantra fraguiano de que SOGAMA ía acabar cos vertedoiros, concentrando todo o tratamento nunha única ubicación, fica outra volta desmentido. A capacidade incineratoria de SOGAMA non é suficiente para desfacerse das máis de 800.000 toneladas de lixo que chegan anualmente, e case a metade ten que ir a vertedoiro, con escaso ou nulo tratamento. E o espazo en Cerceda, malia ás sucesivas ampliacións, é finito. De aí que a solución sexa "descentralizar", facer que o lixo non chegue a SOGAMA e fique preto de onde se xenera... Un curioso xeito de cumprir co principio de proximidade, unha encomenda legal que SOGAMA co seu sistema centralizado nunca cumpríu.

Por que din ´Centro de gestión ambiental´cando queren dicir vertedoiro?

Tras as escouras e as cinzas do vertedoiro fallido de Trazo, que finalmente voltou para Cerceda, e o macro-vertedoiro de Ordes camuflado como un centro de valorización de RCDs, agroma agora o proxecto do "Centro de gestión ambiental de Lousame". A instalación trae da man un vertedoiro de 1.100.000 m3, con capacidade para recibir 700.000 toneladas de lixo ao longo de 10 anos. O engado é novamente a valorización dos refugallos, segundo o proxecto "maioritariamente de orixe industrial" e a fabricación de CDR (combustíbel derivado de residuos) con destino ás cementeiras. Ademais, almacenaría tamén (iso sí, con carácter temporal) outros residuos tanto non perigosos como perigosos.

Mais se debruzamos polo miúdo o proxecto, atopamos que malia á insistencia en presentarlo como unha instalación de reciclaxe e aproveitamento dos materiais contidos nos resíduo, a súa verdadeira función é a de soterrar a maior parte do lixo nun inmenso vertedoiro. Das 100.000 toneladas de residuos que acollería anualmente, o 80% (máis das 3/4 partes) rematará no vertedoiro.
Ademais, só un 10% aproximadamente dos residuos acollidos serían transformados en combustíbel para os fornos das cementeiras, ou cando cadre, para unha nova incineradora como prevé o Plano de Residuos 2010-2020. E como a instalación acollería tamén residuos perigosos, como as cinzas das incineradoras, darase o paradoxo de que os materiais transformados en CDR na planta, logo de seren queimados nas cementeiras, voltarían a Lousame transformados en residuos perigosos!

E se non é casual a aparición destas "SOGAMAS en B" debido ás eivas do modelo imposto polo PP hai 20 anos, tampouco o é a ubicación deste novo vertedoiro: xusto a carón das instalacións da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza.
A planta e compostaxe do Barbanza acada as millores cifras de reciclaxe entre os diferentes sistemas de tratamento de RSUs de Galiza, e mesmo encabeza a calidade da recollida de envases en todo o Estado. Colocar este macro-vertedoiro precisamente alí obedece a unha ben planificada estratexia:
-Facer ver que todos os tratamentos de residuos son iguais: se o complexo do Barbanza precisa dun pequeno vertedoiro para os rexeites, apegámoslle outro co triplo da capacidade! O lixo é lixo...
-Tentar desactivar os conflitos provocados por esta nova instalación asimilándoa a outra xa esistente, dando por amortizada a resposta social: total, trátase dun 2x1!
-Aproveitar as facilidades para a instalación que ofrece un "concello amigo": o governo municipal de Lousame (PP) xa vendeu convintemente o proxecto como inocuo e xerador de emprego. Os 13 empregos xerados para verter 70.000 toneladas de lixo non se poden comparar cos máis de 150 que xa traballan na planta de compostaxe da Mancomunidade do Barbanza que xestiona -e recicla- 34.000 toneladas cada ano.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal