ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ´Para evitar dilacións, millor en castelán´: Novo...

21-09-2016

´Para evitar dilacións, millor en castelán´: Novo caso de discriminación lingüística da Xunta

ADEGA e A Mesa pola Normalización Lingüística vimos de denunciar un novo caso de discriminación, imposición e chantaxe lingüistica por parte da Xunta na tramitación dun expediente administrativo.  

Nun escrito remitido pola Xunta a ADEGA na tramitación da declaración Utilidade Pública desta asociación ecoloxista, a Vicepresidencia e consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza solicita o achegamento da documentación -inicialmente presentada en galego- en castelán, “coa fin de evitar dilacións na tramitación do procedemento”.  

A Xunta xustifica a súa petición en que o Ministerio de Facenda, que debe emitir informe, “está a requerir a documentación en lingua castelá”. Cómpre subliñar que o órgano substantivo para resolver este procedemento é a Xunta, e por iso sorpréndenos que sexa a propia administración galega a que inste a usar o castelán fronte ao galego para “axilizar trámites”.

  Dende ADEGA e A Mesa queremos lembrar á Xunta o disposto no artigo 36.1 da Lei 30/1992 de Réxime Xurídico e Procedemento Administrativo Común:  

“A lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán. Porén o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán tamén empregar a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado. (…)”  

Á marxe a actitude de discriminación, imposición lingüística e falla de cumprimento da legalidade amosada polo Ministerio de Facenda neste caso, para ADEGA e A Mesa resulta intolerábel o desleixo da Xunta no cumprimento da súa función normalizadora contemplada na Lei de Normalización Lingüística de 1983 e no Plano Xeral de Normalización de 2004.  

A administración galega, que debería se a primeira defensora da legalidade e valedora dos nosos dereitos lingüísticos, amósase cómplice coa actitude discriminatoria de Facenda ao promover a utlización do castelán “para evitar dilacións”, nun claro exercicio de imposición e chantaxe lingüística.  

Trátase doutro exemplo de que “en castellano, no hay problema”, mais desta volta perpetrado coa complicidade da mesma administración galega, que precisamente ten a encomenda legal de defender a nosa lingua.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal