ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A "Vuelta Ciclista a España", causa da destrución...

02-09-2016

A "Vuelta Ciclista a España", causa da destrución de hábitats prioritarios no LIC Costa Ártabra

ADEGA, o Grupo Naturalista Hábitat, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) amosan a súa preocupación polo impacto ambiental ocasionado pola “Vuelta Ciclista a España” na contorna de Vixía Herbeira, en Cariño. O acontecemento deportivo foi a presunta causa da construción, supostamente ilegal, dun aparcadoiro que destruíu varios hábitats protexidos no Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Costa Ártabra.

En novembro de 2015, a Deputación Provincial da Coruña asinou un convenio con Unipublic, organizador da “Vuelta Ciclista a España”, no que se establecía que unha das etapas (a do 23 de agosto) finalizaría en Vixía Herbeira, no concello de Cariño. A finais de xullo deste ano comezaron as obras de creación dun aparcadoiro neste punto, a carón da estrada CP-2205, onde estaba prevista a chegada desa etapa. Os traballos consistiron no desmonte de terreos parcialmente incluídos no espazo protexido como LIC Costa Ártabra, co posterior recheo con grandes pedras e asfaltado ata convertelo nun aparcadoiro que comezou a usarse como tal a mediados de agosto.

Os colectivos denunciantes non temos constancia de que esta obra contase con algún tipo de avaliación ou estudo ambiental, necesario tanto pola súa extensión como por afectar a un espazo natural protexido como Rede Natura. Nin tan sequera nos consta que conte coa pertinente autorización do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia. A carencia de avaliación ambiental e permiso de Medio Ambiente significaría que esta obra foi feita de xeito ilegal.

Impacto ecolóxico

O antes e o despois de Vixía Herbeira

A zona afectada polas obras inclúe hábitats de interese comunitario considerados como prioritarios, como son o 4020 “Urceiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix” e o 4030 “Urceiras secas europeas”.

Ademais, tras a chegada da “Vuelta Ciclista a España” á Vixía Herbeira o 23 de agosto de 2016, constatouse unha cantidade considerable de lixo (sobre todo plásticos) espallado sen control polos arredores, afectando a terreos dentro do espazo protexido.

A teor dos feitos, as tres entidades solicitamos ás distintas administracións implicadas que abran unha investigación para clarexar responsabilidades, e o papel xogado pola Deputación Provincial da Coruña ou o Concello de Cariño nesta obra presuntamente ilegal executada no LIC Costa Ártabra.

Vista aérea da zona afectada polo aparcadoiro (en vermello)

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal