ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / No Día Internacional dos Bosques, concellos e...

21-03-2016

No Día Internacional dos Bosques, concellos e cidadanía aximos a prol dos nosos bosques e contra o eucalipto

Tala de eucaliptos na Eira da Xoana

Con motivo do Día Internacional dos Bosques ou Día da Árbore (21 de marzo) as organizacións ecoloxistas reclamamos políticas activas para conservar os nosos bosques. Alén disto, e perante a imparábel expansión do eucalipto, cidadanía e concellos podemos e debemos reaxir.

A conservación dos nosos bosques e o combate ao eucalipto foi o eixo central de traballo que a 40 Asemblea de ADEGA fixou para este ano 2016.
Deste xeito e no marco das campañas “COUSA DE RAÍCES” en defensa dos nosos bosques autóctonos e "STOP EUCALIPTO... AVANTE CARBALLO!", promovidas  xunto a unha manchea de organizacións sociais e gremiais, queremos neste día dar publicidade ás ferramentas que a cidadanía dispón para poder reaxir fronte á imparábel extensión do eucalipto e darlle unha oportunidade aos nosos bosques.

Non fiques parado/a fronte a unha plantación de eucaliptos: como saber se é legal?

Malia a que a Lei de Montes 9/2012 é unha desas normas aprobadas en solitario polo PP e favorecedoras das grandes superficies con monocultivos forestais, nomeadamente dos eucaliptos, existen unha serie de limitacións referidas ás características dos terreos e ás distancias que deben cumprir as plantacións forestais. Estes límites afectan por exemplo a plantacións de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, en terreos agrícolas, a menos de 15m dos cursos fluvias ou a menos de 100m da liña de costa, entre outros.

En ADEGA temos elaborado un "kit" de resposta rápida fronte a plantacións ilegais que permite verificar in situ se cumpren ou non coa normativa, e ademais inclúe un modelo de denuncia. Á marxe das actuacións que calquera particular ou entidade queira desenvolver usando este “kit”, en ADEGA seguiremos recollendo, trasladando á administración e denunciando aquelas cortas ou plantacións ilegais que ameazan a supervivencia das nosas frondosas autóctonas

Concellos e deputacións poden e deben promover a conservación dos nosos bosques autóctonos

Polo que atinxe aos concellos, entanto que administración máis próxima á cidadanía, estes poden através dos PXOM e demais normativa municipal, contribuir á conservación dos nosos bosques e tentar limitar a proliferación do eucalipto.

  • A este respeito, e alén de vixiar polo cumprimento das condicións e requisitos legais de cortas e plantacións, é fundamental que na planificación do solo rústico, o concello conte cunha axeitada delimitación e un inventario das masas de frondosas no seu territorio.
  • Malia a non contaren coas competencias para a autorización de talas, os concellos poden establecer taxas, fianzas e condicións ás empresas madeireiras polo uso dos camiños e espazos públicos nos labores forestais.
  • Asemade, aquelas entidades locais que conten con montes patrimoniais poden servir de exemplo promovendo nestes territorios a plantación de frondosas e os modelos de aproveitamento multifuncional, como alternativa á eucaliptización.
  • Tamén sería interesante promover por parte dos concellos, mediante o asesoramento e a formación dos propietarios e comunidades de montes, as boas prácticas e a transparencia na xestión dos montes.
Por último, dende as deputacións pódese non só reforzar as medidas antes expostas, senón tamén pór en marcha liñas de axuda para o fomento de modelos silvícolas sustentábeis e de alto valor engadido (como os castiñeiros), sen esquecer a promoción de modelos máis participativos e respectuosos de relación coa terra, como a custodia do territorio.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal