ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / San Sadurniño abre unha nova rota de ´porta a...

09-03-2016

San Sadurniño abre unha nova rota de ´porta a porta´e reciclaxe rural

O ano pasado iniciabamos un proxecto novedoso de recollida "porta a porta" rural en San Sadurniño. A zona de proba foi unha rota que atinxíu a 20 lugares de Ferreira e un de Narahío, con 40 km de percorrido recollendo o lixo a 70 vivendas, cunha gran dispersión e unha media de idade de 60 anos.

Perante o éxito do proxecto, este ano o concello de San Sadurniño en colaboración con ADEGA, abríu unha nova rota nas parroquias de Igrexafeita e Narahío. Son outros 52 km e recollerase o lixo de 45 casas. A metodoloxía a seguir será igual, a única novidade é que este ano estamos repartindo bolsas de cores para facilitar a aprendizaxe da separación das diferentes fraccións. Agora mesmo estamos procedendo ao cambio de contedores e explicando casa por casa como separar correctamente e que non se vai a recoller residuo orgánico. Unha vez tomada a decisión de participar na asemblea de veciños este sistema é de carácter obrigatorio para toda a veciñanza da rota do camión proposta.

A metodoloxía destes proxectos consiste en recoller o lixo de xeito separado agás a fracción orgánica que debe ficar na vivenda para compostar, práctica habitual no agro galego. Para acadar estes fins o concello repartiu contedores para separar en cada vivenda (en núcleos de dúas ou tres casas compártense os contedores) e a posibilidade de solicitar un composteiro para os restos orgánicos. A recollida faise cunha furgoneta equipada con contedores de selectiva (resto, envases, vidro e papel) que pasa unha vez á semana e recolle as diferentes fraccións, separadas pola veciñanza, na porta da casa. A fracción orgánica debe ficar na casa, pode ser destinada a alimentación animal, a unha esterqueira ou ben solicitar un composteiro.

Para conseguir unha boa separación, fíxose unha campaña educativa tamén porta a porta, é dicir, persoal de ADEGA visitou vivenda a vivenda explicando a cada veciña e veciño como separar as diferentes fraccións. Fíxose unha primeira visita ao inicio do proxecto coincidindo co cambio de contedores, unha segunda para resolver dúbidas unha vez iniciada a recollida e unha terceira despois dun ano onde foi avaliado o proxecto. Nalgúns puntos onde se percibiron incidencias fíxose unha visita a maiores para reforzar.

Un ano despois podemos dicir que esta experiencia foi un éxito: a xente aprendeu a separar e pasouse de recoller unha media 2.100kg/mes no 2014 a unha media de 903Kg/mes no 2015, rebaixouse nun 57% o lixo enviado a SOGAMA. Temos que lembrar que antes da implantación do porta a porta non había posibilidade de separar, ao igual que na meirande parte de todo o rural galego, soamente existían o contedor verde de SOGAMA.

Dende ADEGA vemos viábel a aplicación deste sistema en todo o rural galego. A chave é que o residuo orgánico non entre nas canles de recollida, co que estariamos traballando no primero chanzo da xerarquía de residuos, que é a redución. Rebaixamos a factura a SOGAMA, melloramos o servizo as persoas (xa que recollemos porta a porta), que participan directamente no proxecto e reciben formación individualizada. Ambientalmente estamos pechando o ciclo da materia orgánica, aumentando a taxa de reciclaxe e evitando a contaminación do transporte e o vertido dos restos orgánicos que en troques, transformamos nun abono de calidade.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal