ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Decreto de autoconsumo: o PP promove a pobreza...

14-10-2015

Decreto de autoconsumo: o PP promove a pobreza enerxética para manter os beneficios do oligopolio eléctrico

Entreguismo absoluto do PP ás electricas

O "Real Decreto 900/2015, de 9 de octubre, por el que se regulan las condiciones administrativas, técnicas y económicas de las modalidades de suministro de energía eléctrica con autoconsumo y de producción con autoconsumo" supón, coa excusa de regulamentar unha práctica imparábel -o autoconsumo electrico con pequena instalacións renovábeis-, un patético intento de frear a democratización da enerxía e perpetuar o oligopolio das electricas, habitual retiro de políticos xa amortizados.
Este será, probabelmente, o destino do actual ministro de industria Sr. Soria e doutros membros do governo de España que en vésperas dun proceso eleitoral, non tiveron reparos en aprobar unha medida que perxudica claramente á cidadanía en favor da grande industria enerxética. Tal é o medo que o oligopolio eléctrico ten a que a estensión masiva do autoconsumo eléctrico en fogares e pequenas empresas, favorecido polas milloras tecnolóxicas e espoldrexado pola continua suba dos prezos da enerxía, prexudique ao seu lucrativo negocio.

Esquecer o balanzo neto e veto ao autoconsumo compartido

O decreto establece unha peaxe obrigatoria, o coñecido "imposto ao sol", para todas aquelas instalacións de autoconsumo que estean conectadas á rede eléctrica. Só as instalacións totalmente illadas están exentas.
Esta peaxe consta dun treito fixo por kW de potencia instalada e un treito varábel en función da hora e cantidade de enerxía vertida como excedente á rede. As instalacións de autoconsumo de menos de 10kW e aquelas situadas nas illas están exentas da parte variábel, mais non da fixa. E todo o exceso que produzan até un máximo de 100kW de potencia instalada poderán vertelo á rede mais non cobralo: será enerxía cedida de balde ao oligopolio (e que logo este venderá).

Deste xeito, o PP esquece o balanzo neto, o método máis estendido no mundo de relación entre os auto-consumidores e o sistema eléctrico. O balanzo neto, que verdadeiramente incentiva a estensión das enerxías limpas e a eficiencia, consiste en ceder a electricidade sobrante dunha instalación de autoconsumo e recuperala na mesma proporción cando a vivenda ou negocio a precisa. O governo decidíu considerar que unha instalación de autoconsumo, polo feito de estar conectada á rede eléctrica, debe facer fronte aos "custos do sistema" e ser tratada como calquera outra compañía eléctrica cuxo única fin é o lucro.
A norma impide tamén que a enerxía xerada polas instalacións de autoconsumo poida ser partillada por varios usuarios/as, caso das comunidades de veciños/as e polígonos industriais, por exemplo.

Freo ás renovábeis e á socialización da enerxía, e consolidación da pobreza enerxética

Con esta regresiva norma, o PP impón vía decreto un freo á estensión das enerxías renovábeis a pequena escala e coloca atrancos case insalvábeis á socialización e democratización da enerxía. Tamén contribúe a mermar os esforzos en aforro e eficiencia e a perpetuar situacións de pobreza enerxética entre a cidadanía, que terá máis difícil zafarse das gadoupas das compañías e exercer a súa soberanía enerxética. É como se por consumir os produtos da horta da nosa casa tiveramos que pagar ao supermercado!!

A intención deste decreto non é outra que favorecer ao actual oligopolio eléctrico e darlles tempo a reaccionar fronte á imparábel estensión do autoconsumo. Malia ao compromiso de case todas as forzas políticas estatais de derrogar a norma se o PP perde o poder, estes últimos anos de incertidumes e ameazas de Industria ao auto-consumidores/as, xunto coa aprobación desta decreto, déronlle tempo ás grandes eléctricas para reaccionar e ir preparando os seus "pacotes de autoconsumo e renovábeis" que en breve veremos publicitados, e deste xeito copar tamén un sector emerxente que escapaba ao seu control.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal