ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Unha proba deportiva ameaza hábitats e especies...

27-02-2015

Unha proba deportiva ameaza hábitats e especies en perigo de extinción

Dende que hai un mes tivemos coñecemento desta proba, organizada por unha empresa privada (Arousa Natureza e Ocio) e subvencionada polo concello de Ribeira, ADEGA trasladou á Dirección Xeral de Conservación a súa preocupación pola presenza no percurso de hábitats protexidos (dunas fixas, dunas móbiles e cantís costeiros) moi sensíbeis, e mesmo de especies en perigo crítico de extinción.

Trátase de dúas especies vexetais raras e ameazadas, a Linaria arenaria (paxariños) e a Barlia robertiana (orquídea xigante). A primeira, ten nas dunas fixas de Couso a súa única poboación continental da Península Ibérica. Está incluida no catálogo Galego de Especies Ameazadas como "en perigo de extinción" e no Libro Vermello da Flora Vascular de España como "en perigo crítico de extinción". Polo que atinxe á Barlia, trátase dunha rara poboación desta orquídea xigante, considerada extinta en Galiza. É a única orquídea que florece no inverno e gosta de terreos calcáreos. A súa aparición nun espazo costeiro granítico ten relación coa presenza no substrato de restos de cunchas mariñas, que aportan carbonatos.

Ambas as dúas especies, xunta cos hábitats protexidos das dunas móbiles, dunas fixas ou grises (prioritario) e cantís costeiros, poderían verse perxudicadas polo forte pisoteo e a intrusión dos centos de persoas participantes neste percurso. Dase a circunstancia de que neste sensíbel espazo costeiro da Península do Barbanza, parte da Rede Natura 2000 e a carón dun Parque Natural e dun Parque Nacional, téñense denunciado os impactos causados polos quads e motos sobre os seus excepcionais valores naturais.

A este respeito, o Plano Director da RN2000 considera autorizábeis determinadas actividades deportivas sempre e cando non comprometan os obxectivos de conservación dos hábitats e especies naturais presentes nestes espazos. ADEGA puido constatar que os organizadores non solicitaron ningunha autorización ou permiso tanto ao Parque Natural de Corrubedo, por onde discorre parte do percorrido (en particular o que afecta á Barlia robertiana), como á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Consideramos pois que a administración, como titora destes espazos protexidos, debería intervir para garantir a integridade dos hábitats e especies ameazadas por esta actividade, obrigando á organización a tomar as medidas precisas. Non pode ser que un patrimonio tan valioso poida ser degradado por unha actividade que o que pretende é, precisamente, o contacto das persoas coa natureza. Mais este obxectivo, sen dúbida benintencionado, non pode servir de excusa para dentro dun espazo protexido deteriorar a máis fráxil e ameazada biodiversidade galega.

Linaria arenaria. Grazas naturezadixital.com

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal